O PSdeG de Xove critica a recalificación en Pedride como unha medida electoralista e tardía

A Agrupación Socialista de Xove cualificou de “electoralista, tardía e insuficiente” a recente proposta do Goberno local do Partido Popular para modificar o uso do solo no barrio de Pedride, un espazo situado entre a Urbanización Palmeiro e o núcleo urbano da vila. Segundo o PSdeG, esta decisión chega logo de máis dunha década de parálise deliberada por parte do propio alcalde, Demetrio Salgueiro, quen mantivo sen avances urbanísticos esta zona a pesar de contar cos servizos básicos dende os anos noventa.
Os socialistas lembran que foi o propio rexedor quen, no ano 2012, impulsou un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que impedía a construción de vivenda unifamiliar nesta franxa, pensada en orixe para unir e integrar Palmeiro co centro de Xove. “Nunca é tarde para rectificar”, recoñecen dende o PSdeG, “pero é evidente que esta proposta responde máis ao calendario electoral que a unha visión estratéxica de futuro”.
Desde o grupo municipal tamén se denuncia a renuncia a dous accesos clave previstos na futura vía de alta capacidade: un á altura do campo de fútbol, que daría servizo á Urbanización Palmeiro, á parroquia da Rigueira e ao sur do municipio; e outro fronte ao Polígono Industrial de Camba. “Foi o equipo de Salgueiro quen aceptou suprimir eses enlaces e conformarse cun único acceso na zona de Parceiros, o que deixa a vila e a súa contorna directa completamente desconectadas”, critican.
Para o PSdeG-PSOE de Xove, esta recalificación é pouco máis ca un “parche” nunha política urbanística sen rumbo. “En dezaoito anos de Goberno do PP non se fixo nada por promover vivenda, nin nos núcleos principais nin nas parroquias. Agora queren disimular esa inacción con medidas improvisadas”, aseguran.
A agrupación socialista conclúe alertando de que “Xove non pode seguir perdendo oportunidades polo abandono e a falta de proxecto do Partido Popular. Precísase unha vila pensada para medrar, atraer poboación e actividade económica, e iso só será posible cun cambio real na forma de gobernar”.