O PSdeG de Xove critica a falta de compromisos reais na visita de deputados provinciais do PP

O PSdeG de Xove amosou o seu malestar pola recente visita de deputados provinciais do Partido Popular ao municipio, unha presenza que, segundo sinalan, quedou nun mero acto institucional sen contido práctico nin respostas ás necesidades da veciñanza.
A formación socialista recoñece como positivo que representantes públicos se acheguen ao concello, pero considera que a ocasión foi desaproveitada ao non tratar ningún dos asuntos estruturais que levan anos pendentes. “Resulta rechamante que nunha visita deste tipo non se abordasen cuestións fundamentais nin se adquirisen compromisos claros. Xove leva case dúas décadas escoitando promesas que nunca se materializan”, apuntan.
Neste sentido, lembran que xa durante o debate dos orzamentos da Xunta advertiran da ausencia de investimentos significativos para o municipio. A pesar das propostas presentadas polos socialistas para impulsar actuacións prioritarias, aseguran que o goberno autonómico volveu deixar fóra a Xove das súas previsións.
Entre os exemplos máis destacados sitúan o proxecto do Portiño de Morás, unha iniciativa anunciada en reiteradas ocasións que, segundo denuncian, continúa sen avances reais. “É unha actuación da que se fala dende hai anos, pero que segue sen pasar do papel”, subliñan desde o grupo municipal.
Outro dos puntos que centran as críticas é a situación do polígono industrial de Camba. Inaugurado a finais dos anos noventa, o espazo non experimentou melloras relevantes desde entón, e a súa ampliación segue sen executarse. Os socialistas consideran que esta falta de desenvolvemento limita as posibilidades económicas do municipio e impide atraer novas iniciativas empresariais. “Non se pode seguir anunciando unha ampliación que nunca chega mentres se perden oportunidades clave para o crecemento local”, indican.
A problemática da rede de abastecemento de auga é outro dos asuntos que o PSdeG considera prioritarios. Trátase dunha infraestrutura con décadas de antigüidade que presenta deficiencias cada vez máis evidentes. Segundo explican, en episodios de fortes choivas a calidade da auga vese afectada, mentres que nos meses de verán son habituais as restricións. A pesar de existir un proxecto de mellora valorado en arredor de 1,5 millóns de euros, denuncian a falta de implicación económica por parte da Xunta.
Ademais, os socialistas fan fincapé na ausencia de avances noutras cuestións relevantes, como o saneamento e a protección ambiental, así como na paralización da vía de altas prestacións entre O Castelo e Ferrol, unha infraestrutura que acumula anos de anuncios sen que se produzan avances concretos.
Desde o grupo municipal insisten en que as visitas institucionais deberían ir máis alá da representación simbólica e converterse en ferramentas útiles para dar resposta ás demandas da cidadanía. “Valoramos que se visite Xove, pero é fundamental que estas ocasións sirvan para afrontar os problemas reais e mellorar a calidade de vida da veciñanza, e non só para facer actos sen contido”, conclúen.