O PSdeG de Xove celebra o inicio da maior renovación viaria en dúas décadas

O PSdeG-PSOE de Xove amosa a súa satisfacción pola aprobación, por parte da Deputación de Lugo, da licitación das obras de mellora nas estradas provinciais do municipio. A formación considera que este avance marca o punto de partida da intervención viaria máis relevante dos últimos vinte anos, un proceso que atribúen ao traballo constante da agrupación socialista para reclamar a recuperación das conexións entre as parroquias do rural, que —din— permaneceron abandonadas durante demasiado tempo.
Segundo explican, a licitación de máis de 818.000 euros aprobada pola Xunta de Goberno permitirá activar os primeiros proxectos incluídos no convenio asinado entre o Concello e a Deputación, un acordo que o PSdeG de Xove asegura ter contribuído a desbloquear tras meses de xestións.
As obras previstas centraranse na renovación integral do firme, na reapertura e limpeza de cunetas e na actualización da sinalización das vías. Trátase de melloras que, segundo destacan, non se realizaban desde hai dúas décadas e que resultan claves para o tránsito diario de centos de veciños e veciñas.
“Durante vinte anos non se fixo nada; só se puxeron desculpas e acumuláronse atrasos. Hoxe comprobamos que, cando hai vontade política e seriedade, as cousas avanzan e empezan a verse os resultados”, afirman desde a agrupación socialista. “Demostramos que a política útil é posible: defendemos estradas do século XXI para Xove e puxemos sobre a mesa as necesidades reais das nosas parroquias”.
O PSdeG-PSOE lembra que o convenio inclúe tamén compromisos concretos para o alcalde, quen debe acometer a mellora de varias vías municipais, como os tramos entre O Cruceiro e Portocelo ou entre Farileo e Morás. Os socialistas subliñan que estas actuacións son imprescindibles para complementar o investimento provincial e para garantir que o esforzo da Deputación teña continuidade no ámbito local. “Agardamos que o alcalde cumpra. A veciñanza precisa feitos, non fotos nin promesas que despois non se materializan”, apuntan.
A agrupación enfatiza o apoio e a colaboración da Deputación de Lugo, asegurando que a súa implicación “demostra que, cando se traballa pensando na cidadanía, non hai cores políticas que condicionen o avance”. Ademais, destacan que este impulso permitirá dotar o rural de estradas dignas e seguras, e reiteran que o PSdeG de Xove manterá a súa defensa activa de todos aqueles proxectos que contribúan a mellorar o día a día das persoas que viven no concello.