O PSdeG de Xove alerta dunha xestión “sen planificación” e dun deterioro das contas municipais

O Grupo Municipal Socialista de Concello de Xove denunciou no primeiro pleno ordinario do ano a “falta absoluta de planificación” do goberno local que encabeza Demetrio Salgueiro, ao tempo que advertiu dunha “preocupante deriva económica” que, ao seu xuízo, reflicten as contas municipais.
A sesión plenaria comezou coa aprobación dunha modificación de crédito por importe de 18.000 euros para afrontar a avaría dos ventiladores da piscina municipal, unha actuación cualificada de urxente polo executivo local. Desde o PSdeG lembran que esta modificación se produce apenas unhas semanas despois da aprobación dos orzamentos de 2026, o que consideran un síntoma claro de improvisación.
Os socialistas consideran que recorrer a modificacións de crédito tan pouco tempo despois de aprobar as contas municipais demostra a ausencia de previsión e control. Ao seu entender, trátase de gastos que deberían estar contemplados nos orzamentos iniciais, polo que critican unha forma de gobernar “a golpe de ocorrencia”, sen planificación nin proxecto a medio prazo.
Durante o pleno aprobouse tamén a liquidación do exercicio económico de 2025, que pecha cun déficit superior aos dous millóns de euros. Para o Grupo Municipal Socialista, este resultado evidencia un desfase estrutural entre o que se presuposta e o que finalmente se executa. Sinalan que levan anos advertindo de que os orzamentos municipais se repiten sen cambios de fondo nin visión estratéxica, unha realidade que, aseguran, queda reflectida nos propios datos económicos.
O PSdeG lembra ademais que desde o ano 2022 o Concello vén reducindo de forma continuada o remanente de tesourería, que pasou de arredor de 19 millóns de euros a pouco máis de 8,5 millóns previstos para 2026. Segundo indican, esta diminución de máis de 10 millóns de euros non se traduciu en grandes obras, infraestruturas estratéxicas nin melloras estruturais para a veciñanza, polo que consideran que o aforro municipal se foi consumindo sen deixar transformacións de fondo no municipio.
No debate plenario, o propio alcalde recoñeceu que o 92% do orzamento de 2026 xa está comprometido antes de iniciar o exercicio, un dato que, segundo os socialistas, deixa ao Concello practicamente sen capacidade de decisión nin marxe para impulsar novos investimentos ao longo do ano.
Desde o PSdeG cualifican esta situación de especialmente grave nun contexto económico que consideran favorable e que podería ser aproveitado para modernizar servizos básicos e infraestruturas como a rede de abastecemento de auga, as estradas municipais ou os equipamentos portuarios.
No apartado de rogos e preguntas, o Grupo Socialista asegura que quedou patente a ausencia de investimentos da Xunta de Galicia para o ano 2026, así como a falta de avances reais en proxectos anunciados desde hai anos, como a ampliación do polígono industrial de Camba ou os pantaláns de Morás. Segundo indican, trátase de iniciativas que permanecen en fase de trámites sen que se concreten, malia levar case dúas décadas sendo anunciadas.
Os socialistas sinalan tamén que durante o pleno o alcalde amosou o seu malestar polas preguntas formuladas pola oposición, unha reacción que interpretan como mostra da incomodidade de ter que dar explicacións ante a falta de resultados. Tras case vinte anos de goberno, aseguran, Xove segue sen proxectos transformadores nin unha planificación clara a medio e longo prazo.
“O que vemos ano tras ano é unha maneira de gobernar marcada pola falta de planificación, a ausencia de proxectos e un progresivo debilitamento da capacidade económica do Concello. Xove merece rigor, responsabilidade e un proxecto de futuro”, conclúe o Grupo Municipal Socialista.