O PSdeG de Xove alerta do risco económico por un gasto municipal descontrolado

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Xove manifestou a súa fonda preocupación pola deriva financeira do Concello tras a aprobación no último pleno ordinario da conta xeral de 2024. Os socialistas votaron en contra do documento ao considerar que reflicte un gasto moi superior ao inicialmente orzado, un notable desequilibrio entre ingresos e pagos, e unha nova modificación de crédito financiada con cargo ao remanente de tesourería.
Segundo os datos expostos na sesión plenaria, o Concello pechou o exercicio cun gasto total de 9.970.722 euros, fronte aos 8,3 millóns previstos. Pola contra, os ingresos reais situáronse en tan só 4.954.206 euros, o que supón un déficit de máis de 5 millóns de euros, cuberto integramente co aforro municipal.
“Este goberno gasta sen criterio, aínda sabendo que os ingresos non ían cumprir as previsións”, denunciaron desde o PSdeG. Lembran que, desde o inicio do mandato, o remanente pasou de case 19 millóns a 11 millóns de euros ao peche de 2024. “Estamos nunha carreira de fondo cara ao baleirado completo das contas municipais, sen resolver cuestións estruturais como o urbanismo, a vivenda, o porto de Morás ou as redes de saneamento”, sinalaron.
Os socialistas critican tamén o tipo de gasto que se está promovendo. A recente aprobación dunha nova modificación de crédito por valor de 490.200 euros —tamén con cargo ao remanente— foi cualificada como “outra mostra da improvisación constante”. “Tapan buracos, fan chapuzas e manteñen unha xestión sen visión nin estratexia a longo prazo”, argumentan.
Como exemplo salientan o estado da traída de auga, que tachan de “propia do terceiro mundo”. Un informe técnico solicitado polo grupo alerta da obsolescencia total do sistema de recollida, transporte e tratamento da auga potable, que leva 18 anos sen renovacións. O custo da intervención necesaria estímase en 1,3 millóns de euros. “Pero o goberno do PP segue optando por parches”, reprochan.
Desde o PSdeG-PSOE insisten en que non participarán “desta deriva económica temeraria”, polo que rexeitaron tanto a conta xeral como a modificación de crédito presentada. Advirten que, de seguir nesta liña, o remanente podería esgotarse antes de que remate o mandato, mentres os servizos públicos continúan deteriorándose.
A única iniciativa que contou co respaldo dos socialistas foi a ampliación do servizo Xove Concilia. “Sempre apoiaremos medidas que faciliten a conciliación das familias, porque mellorar este tipo de servizos é apostar directamente polo benestar da veciñanza”, concluíron.