O PSdeG de Xove acusa ao goberno local de avanzar na privatización de servizos e de non dar resposta aos problemas do concello

AMariñaXa
Os socialistas critican a extinción da ximnasia rítmica municipal, a falta de investimentos na auga, a parálise do centro de día e a ausencia de información sobre Alcoa
Xove-PSOE-candidatura
22 Dec 2025

O Grupo Municipal Socialista de Xove asegurou que o último pleno ordinario do ano volveu evidenciar a falta de iniciativa do goberno municipal do PP, nunha sesión na que, segundo denuncian, se afondou na privatización de servizos públicos e quedaron sen resolver cuestións estruturais que afectan directamente á veciñanza. Para o PSdeG, o balance do pleno confirma unha maneira de gobernar “sen proxecto nin capacidade de resposta”.

Un dos puntos centrais da sesión foi a aprobación definitiva da extinción do servizo público de Ximnasia Rítmica, que deixa de prestarse como actividade municipal para pasar a mans privadas. Os socialistas votaron en contra ao considerar que se elimina un servizo público para externalizalo, unha decisión que, ao seu xuízo, responde a unha liña política cada vez máis habitual no goberno local. Lembran que xa advertiran no pleno de setembro que esta supresión suporía entregar o servizo a unha entidade privada mediante subvención directa, sen concurso público nin garantías de transparencia.

Durante a quenda de control ao goberno, o PSdeG tamén puxo o foco na calidade da auga, unha problemática que aseguran que se arrastra desde hai anos. Segundo explican, en episodios de choiva intensa a auga chega ás vivendas en condicións moi deficientes, unha situación que o goberno volveu xustificar con actuacións de mantemento como a limpeza de depósitos ou o cambio de filtros. Desde o grupo socialista consideran que estas medidas non solucionan o problema de fondo e critican a ausencia de investimentos reais, tanto nos orzamentos municipais como nos da Xunta para 2026.

Outra das cuestións sen avances foi a posta en funcionamento do centro de día, unha infraestrutura demandada pola veciñanza e pola oposición desde hai tempo. Os socialistas afirman que o alcalde evitou novamente concretar prazos e restou importancia á situación das persoas maiores que carecen dun espazo adecuado, algo que cualifican como unha mostra de desconexión coa realidade social do municipio.

En relación coa charla informativa sobre a ampliación do encoro de lodos de Alcoa, o PSdeG reproba que o goberno municipal limitase a información á parroquia de Morás, excluíndo a outras zonas próximas como Lago, Súmoas ou Portocelo. Segundo denuncian, esta decisión provocou queixas de veciños que non foron avisados e exemplifica, ao seu entender, unha forma de gobernar que xera división.

Para o Grupo Municipal Socialista, o último pleno do ano confirma unha xestión baseada nas escusas e na falta de planificación. “O PP remata 2025 como o comezou, sen resolver problemas nin ofrecer solucións”, sinalan, lembrando tamén outros episodios recentes nos que, segundo din, o goberno local optou pola confrontación en lugar de aplicar a lei e traballar con rigor. Desde o PSdeG-PSOE de Xove conclúen que o concello pecha o ano cun executivo “sen iniciativa nin proxecto de futuro” e reiteran o seu compromiso de defender os servizos públicos e dar voz á veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.075896978378296