O PSdeG de Xove acusa ao alcalde de “mala xestión” e de esgotar o remanente municipal

A agrupación socialista de Xove lanzou duras críticas contra o alcalde, Demetrio Salgueiro, ao que acusan de esgotar o remanente de tesourería municipal e de manter unha política “sen proxecto de futuro” para o concello. “Por fin recoñece que as contas non dan”, sinalan dende o PSdeG local, que lle reprochan ao rexedor popular tres exercicios consecutivos con déficit que “rolda o 50 % do orzamento” anual.
Segundo os socialistas, nos primeiros anos da lexislatura había dispoñibles uns 19 millóns de euros de aforro municipal, cifra que se tería reducido a menos de 11 millóns pola “nefasta xestión” do actual equipo de goberno. Critican que, cando había fondos, “non se investiron en servizos básicos dos que Xove está moi necesitado”, e acusan a Salgueiro de gastar os recursos “en favores para asegurar o voto”.
Entre as carencias estruturais que destacan están unha traída de augas “moi deficiente”, a ausencia dun centro de día, o plan urbanístico sen desenvolver, o saneamento inexistente, un polígono industrial sen modernizar e a “degradación dos portos de Morás e Portocelo”. Tamén denuncian a perda da bandeira azul da praia de Portocelo, que atribúen ao “abandono e contaminación”.
“O alcalde presume de xestión cando en realidade non fixo máis que despilfarrar sen plan nin rumbo”, afirman dende o PSdeG, que acusan ao rexedor de actuar con “prepotencia” e de “menosprezar á oposición”. “Os veciños e veciñas de Xove deberían reflexionar sobre cara onde se dirixe o concello”, engaden.
Os socialistas tamén critican as formas e declaracións do alcalde no último pleno da Deputación, onde —segundo indican— Salgueiro emitiu comentarios machistas que cualifican de “intolerables”. A agrupación quixo trasladar o seu apoio público ás dúas representantes aludidas: unha compañeira socialista e unha concelleira do BNG de Viveiro.
“Dende o PSdeG temos proxecto para Xove e demostrámolo pleno a pleno, facendo propostas realistas que reflicten as necesidades da veciñanza”, conclúen. “Mentres nós propoñemos solucións, vostede patalea e insulta. Iso non é gobernar, é agocharse tras os muros e as festas”.