O PSdeG de Viveiro reivindica a autoría da reforma da rúa do Porto de Celeiro

O Partido Socialista de Viveiro reclamou a autoría e a iniciativa política da reforma integral da rúa do Porto de Celeiro, unha obra que se atopa na súa recta final e que foi concibida e impulsada durante o goberno local de María Loureiro. Desde a formación socialista destacan que esta actuación representa o modelo de xestión útil, colaborativa e con visión de futuro que defenderon ao fronte do Concello.
O proxecto afecta a unha zona estratéxica do núcleo de Celeiro, no cruzamento da rúa Lavandeiras coa LU-P-6612 e a rúa do Porto, cun deseño pensado para modernizar a contorna sen renunciar á súa identidade mariñeira. O plan contempla a renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais; a mellora do alumeado público; a canalización de servizos; a pavimentación de beirarrúas e calzadas; a creación de novos espazos de estacionamento; así como a instalación de mobiliario urbano e nova sinalización.
A obra conta cun orzamento total de 680.704 euros, dos cales o 80 % foi achegado pola Deputación de Lugo grazas a un convenio asinado no anterior mandato socialista. O Concello de Viveiro, pola súa banda, contribuíu con 136.000 euros.
A voceira municipal do PSdeG, María Loureiro, destacou que se trata “dunha intervención clave para a mellora da mobilidade e accesibilidade da veciñanza de Celeiro, que renova unha das zonas máis activas do municipio sen perder o seu carácter tradicional”. Loureiro sinalou tamén que a actuación soluciona un problema histórico da zona, como era o deficiente subministro de auga, que afectaba especialmente ao sector hostaleiro.
“A reforma da rúa do Porto non foi unha improvisación, senón o resultado dunha planificación seria e a longo prazo, centrada nas necesidades reais da xente”, indicou a portavoz socialista, quen puxo en valor o traballo do anterior executivo local.
O PSdeG de Viveiro considera que esta obra é unha mostra de como se deben xestionar os recursos públicos: con rigor, visión estratéxica e pensando no benestar da veciñanza. “Hoxe, a rúa do Porto é unha mostra palpable do que significa a política útil: proxectos ben deseñados, ben financiados e cun impacto real na vida das persoas”, concluíu Loureiro.