O PSdeG de Viveiro pide transparencia total sobre o vertido de purín e solicita unha xunta de voceiros

AMariñaXa
Os socialistas esixen explicacións detalladas sobre a orixe da catástrofe ambiental e as medidas previstas fronte aos responsables
Viveiro-PSOE-Maria-Loureiro-2023
15 Jun 2025

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro vén de solicitar formalmente á alcaldesa a convocatoria urxente dunha xunta de voceiros/as co obxectivo de obter información precisa e completa sobre o vertido de xurro acontecido a pasada semana no municipio, un suceso que cualifican como “catástrofe natural sen precedentes”.

Segundo explican os socialistas, durante os días nos que se produciu esta situación de emerxencia mantiveron unha actitude prudente e respectuosa cos tempos, confiando na actuación responsable tanto do goberno local como dos equipos técnicos do Concello e doutras administracións. A voceira socialista, María Loureiro, mesmo contactou directamente coa rexedora para interesarse pola evolución dos feitos e recibir información sobre as accións que se estaban a levar a cabo.

Porén, unha vez que a situación parece estar controlada, reclaman claridade e rigor na comunicación. Consideran imprescindible que a alcaldesa informe con detalle do sucedido, das causas, da resposta institucional e, sobre todo, das posibles consecuencias legais e administrativas para quen resulte responsable.

“O pobo de Viveiro merece coñecer toda a verdade sobre este episodio tan grave para o noso medio natural”, sinalan desde o grupo socialista. A través da xunta de voceiros, que consideran o foro máis adecuado para tratar este tipo de asuntos, esperan poder defender o interese público con datos contrastados e garantir que se tomen medidas para que algo así non volva acontecer.

⚙ Configurar cookies
0.074887990951538