O PSdeG de Viveiro levará ao pleno de xaneiro varias demandas sobre accesibilidade e seguridade viaria

AMariñaXa
Os socialistas presentarán rogos sobre a rúa Rego das Flores e a estrada LU-540 no pleno ordinario do mércores 14
Viveiro-Pleno-municipal-2025
13 Jan 2026

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro presentará no pleno ordinario do mes de xaneiro, que se celebrará o vindeiro mércores 14, unha serie de rogos dirixidos ao equipo de goberno nos que reclama actuacións urxentes para mellorar a accesibilidade urbana e reforzar a seguridade viaria en distintos puntos do municipio, especialmente na rúa Rego das Flores e na estrada LU-540 ao seu paso por Landrove.

En primeiro lugar, os socialistas solicitarán o remate do tramo de beirarrúa pendente na rúa Rego das Flores, unha obra iniciada durante un mandato con goberno socialista. Segundo explican, quedou sen executar un tramo duns oito metros á altura dun transformador da empresa Begasa, xa que a porta impedía elevar a beirarrúa ao mesmo nivel do resto da vía. Tras anos de xestións, a entrada ao transformador foi reformada recentemente, polo que consideran que xa non existen impedimentos técnicos para completar a actuación. O PSdeG pide que se proceda ao seu remate canto antes para garantir a uniformidade, a seguridade e a accesibilidade da rúa.

Outro dos rogos que se debaterán no pleno fai referencia á situación da estrada LU-540, no tramo comprendido entre a rotonda de Landrove e o límite co Concello de Ourol. O grupo socialista alerta da perigosidade da vía, especialmente despois do estendido de novo asfalto en varios tramos sen que se executase o pintado da sinalización horizontal. Nunha época marcada pola choiva, a néboa e a escasa visibilidade, advirten de que circular de noite supón un risco engadido, unha preocupación que, aseguran, lles foi trasladada por numerosos condutores. Por iso, instan ao Concello a trasladar esta problemática á Axencia Galega de Infraestruturas para que, cando menos de maneira provisional, se adopten medidas de seguridade mentres duren as obras.

Por último, o PSdeG tamén levará ao pleno a situación de perigo nas incorporacións á LU-540 na recta de Landrove, especialmente desde os barrios da Igrexa, do Cristo, do Calvario, do Coto e de Portociño. Segundo denuncian, a escasa visibilidade obriga a invadir parcialmente a calzada para comprobar a chegada de vehículos, xerando situacións de risco. Aínda que existen espellos nalgúns puntos, estes non permiten unha visión completa en ambas direccións. Os socialistas reclaman que se mellore a sinalización e se adopten medidas que garantan a seguridade viaria, dando resposta ás demandas da veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.083521842956543