O PSdeG de Viveiro acusa ao PP de manipular os feitos sobre o atraso en A Xunqueira

AMariñaXa
María Loureiro nega que se paralizase o expediente e responsabiliza á Xunta pola demora real do proxecto
Viveiro-Pleno-municipal-2025
15 May 2025

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro respondeu con contundencia ás recentes declaracións da alcaldesa Mariña Gueimunde, ás que cualifican de “falsas e interesadas”, en relación co suposto atraso no proxecto de mellora da zona de A Xunqueira. Segundo a voceira socialista e anterior rexedora, María Loureiro, “o expediente nunca estivo paralizado, como se afirmou erroneamente”. A socialista asegura que o ocorrido foi un erro interno no rexistro dun requirimento enviado por Augas de Galicia en novembro, que non chegou a ser coñecido nin pola Alcaldía nin pola Secretaría municipal.

“Non houbo ocultación nin desatención”, sostén Loureiro, quen explica que durante os meses seguintes Augas de Galicia non volveu insistir nin remitiu nova documentación. “Foi dous días despois da toma de posesión da actual alcaldesa cando a entidade se puxo en contacto para advertir da falta de resposta. Iso xa era coñecido polo Partido Popular, polo que resulta evidente que buscan crear unha polémica artificial”, denunciou.

Desde o PSdeG local recalcan que este tipo de erros administrativos poden ocorrer en calquera institución pública e lembran que o importante é como se xestionan. “Non é admisible utilizar unha incidencia técnica para lanzar acusacións infundadas e deteriorar a imaxe do anterior goberno municipal”, afirmou Loureiro.

Ademais, os socialistas viran o foco cara á Xunta de Galicia, á que sinalan como auténtica responsable da demora no desenvolvemento do proxecto. “O documento técnico tardou máis de tres anos en ser redactado, a pesar de que en 2019 o Partido Popular xa anunciara, en plena campaña electoral, a súa suposta contribución do 33 % ao financiamento da obra”, lembran.

O Grupo Municipal Socialista insta á alcaldesa e ao executivo actual a deixar de buscar culpables no pasado e esixe que se “poñan a traballar en serio para reclamar á Xunta de Galicia que cumpra dunha vez cos compromisos adquiridos con Viveiro e coa súa veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.15547204017639