O PSdeG de O Vicedo reclamará no pleno un plan urxente de saneamento para todo o municipio

AMariñaXa
A proposta inclúe un estudo técnico, financiamento externo e un calendario de actuacións para solucionar unha “situación crítica” en varias parroquias
Vicedo-PSOE-grupo-municipal-2025
Actualizada el 9 diciembre 2025, 05:33 horas
24 Jul 2025

O Grupo Municipal Socialista de O Vicedo presentará no pleno do vindeiro mércores 30 de xullo unha moción na que insta ao goberno local a poñer en marcha un plan integral para mellorar o saneamento das augas no conxunto do termo municipal.

A iniciativa responde á realidade de que moitas parroquias e núcleos poboacionais carecen totalmente de rede de saneamento ou dispoñen de infraestruturas insuficientes e obsoletas. Segundo os socialistas, esta carencia representa un grave perigo para a saúde pública, a protección do medio natural e a calidade de vida da veciñanza, especialmente nas zonas rurais.

A moción reclama a realización dun estudo técnico detallado e urxente que permita identificar os puntos máis vulnerables e as áreas sen ningún tipo de servizo de saneamento. A partir dese diagnóstico, o PSdeG propón elaborar un Plan Municipal de Saneamento que estableza as prioridades de intervención, os prazos de execución e unha planificación orzamentaria acorde ás necesidades detectadas.

A formación socialista tamén suxire acudir a fontes de financiamento externas como a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Goberno central, co obxectivo de garantir os recursos necesarios para executar as obras.

Entre as medidas concretas, inclúese a creación dun calendario de actuacións co compromiso de comezar as intervencións nas zonas máis afectadas, así como establecer mecanismos para que a cidadanía reciba información clara e detallada sobre os pasos que se vaian dar e os prazos previstos.

“Non estamos a falar dun luxo, senón dun dereito fundamental”, sinalan desde o grupo socialista, que advirten de que a situación actual “pon en risco a salubridade das vivendas, a protección ambiental e o desenvolvemento sostible do noso territorio”.

O PSdeG espera contar co apoio dos demais grupos municipais. “O acceso a un sistema de saneamento adecuado é unha responsabilidade das administracións públicas. Non podemos permitir que hoxe en día, en pleno século XXI, moitas parroquias do Vicedo continúen sen rede de sumidoiros ou con instalacións deterioradas”, conclúen.

0.13446402549744