O PSdeG de O Vicedo reclama no pleno máis transparencia e acceso á información municipal

O Grupo Municipal Socialista de O Vicedo anunciou que levará ao vindeiro pleno unha moción para esixir ao goberno local que garanta a transparencia e o acceso á información municipal. A iniciativa busca corrixir as actuais trabas para consultar documentos oficiais e asegurar que tanto a corporación como a veciñanza dispoñan dos datos en tempo e forma, tal e como establece a normativa.
Desde a formación lembran que a transparencia e o dereito á información pública son principios esenciais que toda administración debe respectar, mais aseguran que no Concello de O Vicedo a práctica dista moito do que marca a lei. Citan como exemplos o atraso de case dous meses na entrega das actas da Xunta de Goberno, a tardanza na facilitación do Plan de Prevención contra Incendios ou a inexistencia das bases reguladoras das Escolas Deportivas.
Os socialistas denuncian que, ao non ter acceso directo á aplicación de xestión administrativa municipal, só reciben a documentación cando o executivo local decide remitila. Esta limitación, explican, provoca atrasos constantes, respostas que chegan con semanas de demora e mesmo a obriga de solicitar impresións en papel ou copias escaneadas, cando xa existe un sistema dixital que permitiría un acceso inmediato e seguro.
Chegaron incluso, segundo aseguran, a coñecer asuntos relevantes unicamente a través das Xuntas de Goberno Local —nas que non participan— ou pola prensa. “Isto constitúe unha anomalía democrática”, sinalan, engadindo que “non pode ser que os concelleiros se decaten das cuestións polos medios antes de recibir comunicación oficial”.
Para reverter esta situación, a moción socialista inclúe medidas concretas: publicar os bandos municipais na sede electrónica, entregar a documentación no prazo máximo de cinco días hábiles, mellorar as deficiencias da web e do portal de transparencia e convocar xuntas de voceiros cando se traten temas de especial interese para a cidadanía.
“O noso obxectivo é que se garanta un acceso inmediato e transparente á documentación, que permita á oposición exercer o seu labor e que asegure á veciñanza un Concello máis claro, responsable e respectuoso coa lei”, conclúen desde o PSdeG.