O PSdeG de Mondoñedo reclama medidas urxentes para recuperar a nave municipal do Coto da Recadieira

AMariñaXa
Os socialistas denuncian o estado de abandono das instalacións e acusan ao PP de recorrer ás descalificacións en lugar de abrir espazos de colaboración
MONDO-denuncia-psoe-nave-coto-2025
19 Sep 2025

O Grupo Municipal Socialista de Mondoñedo levará ao próximo pleno unha iniciativa na que esixe ao Goberno local do PP actuar con rapidez para organizar, limpar e poñer en condicións a nave municipal do Coto da Recadieira. Segundo explican, a situación actual destas instalacións, esenciais para o funcionamento dos servizos públicos, é “deplorable” e converteuse nun “foco de insalubridade para traballadores e veciñanza”.

Desde o PSdeG aseguran que a nave acumula lixo, materiais reciclados, colchóns, vehículos deteriorados e outros residuos. “Non só se compromete a seguridade do persoal municipal, senón que tamén se transmite unha imaxe de desleixo institucional que non está á altura do esforzo e dignidade da cidadanía mindoniense”, apuntan. Por iso, insisten en que é preciso “garantir unha xestión adecuada deste espazo para asegurar tanto a operatividade dos servizos municipais como a seguridade laboral”.

Na mesma liña, os socialistas responderon ás críticas do PP lembrando que o seu traballo de oposición baséase en fiscalizar, propoñer e demandar solucións. “O noso compromiso coa cidade e coas parroquias vai máis alá das fotos e das declaracións. Proba diso é que hoxe o río dos Muiños volve ter auga, e insistimos en crear un grupo de traballo coas administracións competentes e coa veciñanza para acadar unha solución definitiva a este problema”, explican.

En relación ás declaracións do PP, que cualificou ao grupo socialista como “a peor oposición da historia de Mondoñedo”, desde o PSdeG lamentan “o recurso a descalificacións persoais que non achegan nada ao debate democrático”. Nese sentido, instan ao Goberno local a “abandonar esa estratexia equivocada e a abrir espazos de colaboración real onde todas as forzas políticas e o tecido social poidan aportar ideas e propostas”.

“O noso compromiso é seguir traballando con rigor e responsabilidade, presentando medidas concretas e esixindo que Mondoñedo avance con transparencia, respecto institucional e atención ás necesidades reais da veciñanza”, conclúe o grupo socialista.

⚙ Configurar cookies
0.069577932357788