O PSdeG de Cervo ve irregularidades na xestión dos Servizos Sociais

O Grupo Municipal Socialista de Cervo denunciou no último pleno celebrado este xoves a existencia de “graves irregularidades” na xestión dos Servizos Sociais municipais, avaladas por un informe de inspección da Xunta de Galicia, e acusou ao goberno local do Partido Popular de “tratar de ocultar a realidade utilizando ás traballadoras do SAF como parapeto político”.
A voceira socialista, Mª Luján Ramos, foi contundente ao asegurar que o problema “nunca foi o persoal”, senón que reside na xestión política do departamento: “Nunca puxemos en cuestión o traballo das profesionais. O que cuestionamos é a xestión do PP con este servizo público esencial”.
Ramos acusou ao Partido Popular de “confundir deliberadamente” á veciñanza coa moción presentada, ao considerar que se trata dun intento de “dilapidar a liberdade de acción da oposición” e de “tapar a incompetencia do goberno municipal”.
O PSdeG puxo o foco no contido da acta de inspección da Xunta de Galicia do pasado outubro, na que se detallan múltiples irregularidades no funcionamento dos Servizos Sociais municipais. Segundo explicou a voceira socialista, o documento describe un sistema con graves deficiencias en tres ámbitos fundamentais: organización, xestión administrativa e falta de seguimento do servizo.
Entre as cuestións sinaladas, Ramos destacou problemas na planificación do persoal e na cobertura de baixas, expedientes incompletos e falta de rexistro de incidencias, así como situacións que afectan directamente á atención das persoas dependentes: listas de agarda que non se respectan, usuarios sen expediente ou prestacións por debaixo do recoñecido.
“En termos técnicos, a inspección describe un sistema sen control efectivo, con risco de vulneración de dereitos das persoas dependentes e posible incumprimento da normativa de servizos sociais”, insistiu. “Estamos a falar de expedientes incompletos, falta de planificación do persoal, usuarios sen rexistro administrativo e persoas que non reciben as horas de atención que teñen recoñecidas”.
Con todo, o PSdeG instou á alcaldesa e ao goberno municipal a facer público o informe completo da Xunta e a dar explicacións á veciñanza sobre o funcionamento do departamento. “Explíquenlles ás veciñas e veciños por que a Inspección da Xunta emitiu un informe tan revelador”.
En relación coa moción do Partido Popular sobre o financiamento do sistema de Atención á Dependencia, o PSdeG votou en contra ao considerar que “parte dunha mensaxe simplista, interesada e incompleta”. A voceira socialista criticou o “silencio absoluto” do texto sobre a Xunta de Galicia -administración con competencias directas na materia- e advertiu de que “non hai nin unha soa referencia ás listas de agarda, á xestión dos recursos nin ás decisións políticas que afectan directamente ás persoas dependentes”.
Así mesmo, reprochou ao PP a falta de propostas, sinalando que “non presentan ningunha iniciativa propia nin medida real para mellorar a atención ás persoas dependentes en Cervo, limitándose a trasladar a responsabilidade a outras administracións”. Ramos concluíu que se trata dunha moción “insuficiente e profundamente deshonesta no seu enfoque, que manipula a realidade e evita asumir responsabilidades políticas”.
No que respecta á iniciativa sobre o servizo de emerxencias GES, presentada polo BNG, dicir que foi substituída na sua integridade por outra moción presentada polo PP. Esta é a maneira que ten o PP de tentar anular por completo as iniciativas dos partidos da oposición en Cervo, unha maneira legal pero tremendamente inxusta, que demostra un total desprezo polo traballo dos grupos da oposición.
“O GES é un servizo esencial que nunca se debeu desmantelar”, afirmou Ramos, quen defendeu a súa reapertura para garantir a seguridade e a capacidade de resposta ante emerxencias na comarca.
“A veciñanza de Cervo merece unha xestión seria, con datos, transparencia e solucións reais aos problemas do día a día. Fronte á propaganda e ás escusas do PP, nós imos seguir defendendo servizos públicos de calidade e o interese xeral do municipio”, concluíu.