O PSdeG de Cervo acusa á Xunta de “abandono sanitario” e critica a falta de médicos nos centros de saúde

AMariñaXa
Os socialistas levaron ao pleno unha moción para esixir máis facultativos en Cervo e San Cibrao, pero denuncian que PP e BNG “rebaixaron” a súa proposta con emendas
Cervo-Pleno-setembro-2025
5 Sep 2025

O Grupo Municipal Socialista de Cervo levou ao último pleno unha moción coa que buscaba denunciar a situación de precariedade sanitaria no municipio e reclamar á Xunta de Galicia medidas inmediatas. A proposta incluía a cobertura de todas as prazas de médicos nos centros de saúde de Cervo e San Ciprián, así como o reforzo do persoal no Hospital da Mariña. Porén, segundo explicaron, o texto inicial quedou “descafeinado” polas emendas presentadas polo Partido Popular e polo BNG, que suavizaron a contundencia da denuncia socialista.

A voceira do PSdeG, Mª Luján Ramos, sinalou que o PP presentou unha alternativa que “intentaba eludir responsabilidades e desviar o foco cara ao Goberno de España”, mentres que o BNG se limitou a engadir unha modificación menor. “As manobras do PP só buscan restarlle forza á nosa denuncia e evitar que o pleno esixa con claridade máis médicos en Cervo e San Cibrao”, advertiu.

Ramos lembrou ademais que os populares tacharon a exposición de motivos de “inexacta” e “mentireira en certas partes”, pero finalmente mantiveron o texto orixinal. “Se tan inexacta lles parecía, podían redactar unha moción propia e defendela. O que non é admisible é criticar o noso documento e logo deixalo tal cal”, criticou.

A pesar destas discrepancias, o pleno acabou aprobando varios puntos coincidentes, incluso un do PP que era idéntico a unha das propostas socialistas. “Sempre defendemos que o importante é remar na mesma dirección para poñer fin a esta situación insostible. Sexa cal sexa a autoría da iniciativa, debemos unir esforzos”, recalcou a voceira socialista.

Ramos puxo o foco tamén na sobrecarga que padecen os profesionais da sanidade. “Estamos forzando a máquina. O persoal ten que asumir tarefas que non lles corresponden, cun nivel de presión constante que é inadmisible. Non se pode permitir que sexan eles quen carguen coas consecuencias da mala planificación da Xunta”, denunciou.

A representante socialista acusou ao Goberno galego de “deixadez total na planificación sanitaria” e asegurou que, lonxe de mellorar, a situación empeora. “O caos en Cervo xa é evidente. Non entendo como chegamos a este punto, con centros sen médicos de referencia e veciños que non saben se van ser atendidos”, lamentou.

A voceira puxo especial énfase na poboación maior, á que considera a máis prexudicada. “Somos un concello envellecido, con moita xente que precisa atención continua. Chegan ao centro de saúde e non atopan médico de familia. Isto deixa ás nosas veciñas e veciños nunha indefensión absoluta”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.12164497375488