O PSdeG cuestiona á alcaldesa sobre irregularidades no Servizo de Axuda no Fogar

O Grupo Municipal Socialista de Cervo trasladou ao pleno do xoves unha batería de preguntas relacionadas co episodio ocorrido a pasada semana no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), no que se presentou documentación a unha persoa usuaria para que aceptase a renuncia parcial das horas de atención recoñecidas. Segundo os socialistas, a alcaldesa non respondeu ás cuestións formuladas e evitou ofrecer explicacións sobre o sucedido.
Durante a súa intervención, a voceira socialista, María Luján Ramos, recordou que o SAF “é unha peza esencial do sistema público de atención ás persoas en situación de dependencia, especialmente no ámbito rural, e un dereito recoñecido que debe prestarse con todas as garantías legais, éticas e profesionais”. Ramos explicou que o pasado 29 de xaneiro unha técnica municipal presentou no domicilio dunha persoa con dependencia de grao III dous documentos para a súa sinatura.
A documentación incluía un escrito de prestación do servizo, que debería terse asinado no inicio da atención hai aproximadamente un ano e medio, e unha instancia na que se facía constar que era a propia usuaria quen consideraba suficientes as horas de SAF que recibía. “Esta persoa nunca manifestou tal cousa”, alertou Ramos, subliñando que se trataba dunha persoa “sen capacidade para comprender nin asinar un documento destas características”.
O PSdeG cuestionou directamente a orixe e obxectivo dos documentos, preguntando quen os redactou, se foron supervisados antes da súa entrega, se a Alcaldía coñecía o contido e cantas persoas usuarias puideron asinar escritos similares recentemente. Tamén se reclamou información sobre inspeccións da Xunta ao departamento municipal de Servizos Sociais e sobre os requirimentos realizados tras esas visitas.
Segundo denunciou o grupo socialista, a alcaldesa limitouse a indicar que a documentación fora elaborada polo departamento municipal a partir de modelos da Xunta de Galicia, sen dar resposta ao fondo das preguntas nin aclarar os feitos concretos denunciados.
Ramos insistiu en que “o único que se está facendo é tratar de esclarecer por que se procedeu deste xeito”, deixando claro que non se cuestiona o labor do persoal do SAF. “As traballadoras e traballadores do Servizo de Axuda no Fogar cumpren funcións moi concretas e fundamentais, e dentro delas non está a de trasladar documentación administrativa ás persoas usuarias”, destacou.
O PSdeG concluíu lembrando que a responsabilidade política da xestión do servizo corresponde exclusivamente ao goberno municipal do Partido Popular. “Non se trata de persoas traballadoras que cumpren ordes, senón da responsabilidade dos dirixentes políticos que xestionan o servizo. As explicacións teñen que dárlas a Alcaldía e o goberno do PP, que son quen deben garantir a protección e a dignidade das persoas dependentes”, finalizou Ramos.