O PSdeG critica que a Xunta tardase case un ano en cubrir a Delegación de Mar e Pesca en Lugo

AMariñaXa
Os socialistas cuestionan que o Goberno de Rueda nomease unha persoa sen traxectoria no sector marítimo-pesqueiro para este posto
paseo-maritimo-covas-viveiro
5 Mar 2026

O PSdeG na provincia de Lugo amosou o seu malestar pola demora do Goberno galego en designar unha persoa á fronte da Delegación Territorial de Mar e Pesca en Lugo. Segundo denuncian as e os socialistas, a Xunta presidida por Alfonso Rueda tardou preto de once meses en cubrir este cargo, unha situación que consideran “inxustificable” nun territorio cun forte peso do sector mariñeiro.

Desde a formación socialista lembran que durante todo ese período a provincia permaneceu sen dirección política nesta área, algo que, ao seu xuízo, evidencia unha falta de atención por parte do Executivo autonómico cara á Mariña e cara ao conxunto do sector do mar. “É unha mostra máis do abandono que sofre esta comarca por parte do Goberno galego”, sosteñen.

O PSdeG provincial respalda así as críticas realizadas nos últimos meses polo grupo socialista de Viveiro, que xa advertira da ausencia deste nomeamento nun posto que consideran fundamental para garantir a interlocución entre o sector pesqueiro e a administración autonómica. Para os socialistas, contar cunha figura responsable nesta delegación resulta clave nunha zona na que a actividade pesqueira e mariñeira ten un peso relevante na economía e no emprego.

Ademais da demora no nomeamento, o PSdeG tamén cuestiona o perfil profesional da persoa designada. Segundo explican, non conta cunha traxectoria vinculada directamente co ámbito marítimo-pesqueiro, senón que a súa experiencia está relacionada co sector veterinario e coa sanidade animal.

Neste sentido, desde a formación socialista consideran necesario coñecer os criterios seguidos polo Partido Popular para tomar esta decisión. “Despois de manter este posto sen cubrir durante case un ano, a Xunta decide nomear unha persoa sen relación directa co sector do mar. É lexítimo preguntarse cales son os criterios que segue o Partido Popular para adoptar decisións deste tipo nun ámbito tan importante para a nosa provincia”, apuntan.

Os socialistas tamén recuperan as críticas formuladas polo PSdeG de Viveiro sobre o funcionamento da delegación durante a etapa anterior. Segundo lembran, naquela fase algunhas reunións institucionais que debían celebrarse no Concello trasladábanse ás dependencias da Xunta para facilitar a presenza da entón responsable da delegación, Mariña Gueimunde, nas fotografías institucionais.

Para o PSdeG, este tipo de actuacións reflicten unha maneira de entender a xestión pública que non comparten. “Esta situación evidencia unha vez máis a forma de gobernar do Partido Popular, utilizando as institucións e os cargos públicos ao servizo dos seus propios intereses en lugar de velar polo interese xeral e polo ben da cidadanía”, sinalan.

Ante este escenario, as e os socialistas da provincia de Lugo reclaman explicacións ao Goberno galego sobre os motivos que levaron a atrasar durante tanto tempo este nomeamento e sobre os criterios empregados para escoller a persoa responsable da delegación.

Así mesmo, demandan que a Delegación Territorial de Mar e Pesca en Lugo funcione con rigor, responsabilidade e compromiso co sector mariñeiro, garantindo unha relación fluída coa administración autonómica e defendendo os intereses dunha actividade esencial para a economía da provincia.

0.11681199073792