O PSdeG critica que a variante de Viveiro quede nunha estrada convencional e non nunha vía de alta capacidade

AMariñaXa
Os socialistas denuncian que a Xunta reduce orzamento, apraza obras e trata a Viveiro como un concello de segunda, mentres a comarca da Mariña sofre un grave déficit de infraestruturas
PSOE-Viveiro-VAc-costa-norte-cesar-mogo-2026
31 Jan 2026

O proxecto presentado pola Xunta para aliviar o tráfico do núcleo urbano de Viveiro quedará finalmente reducido a un tramo de estrada convencional, en lugar da vía de alta capacidade inicialmente prevista. Así o denunciou esta mañá en Viveiro a secretaria de organización do PSdeG e deputada autonómica, Lara Méndez, que estivo acompañada polo senador César Mogo, a deputada Patricia Otero e a portavoz socialista no Concello, María Loureiro.

Méndez criticou que o presidente da Xunta aproveitase o Nadal para presentar un proxecto cuxo primeiro tramo, no mellor dos casos, non se empezará a executar ata 2028. Ademais, advertiu que, tal como foi reformulado pola Xunta, o proxecto “non aliviará a conxestión nin mellorará a conectividade de Viveiro e da Mariña coa Coruña e co resto de Galicia”. Por iso, reclamou que se retome a construción dunha verdadeira vía de altas prestacións, capaz de dinamizar un concello clave para a comarca.

César Mogo cualificou a actuación de “estafa” e sinalou que o PP engana á cidadanía, preguntándose se tamén os membros de Por Viveiro participaron ou se deixaron enganar. Patricia Otero denunciou a redución drástica do orzamento e o acurtamento do tramo da obra, mentres que María Loureiro lamentou que a Xunta trate a Viveiro como “un concello de segunda categoría” e recordou que a variante de alta capacidade era un proxecto estrela da moción de censura que impulsaron PP e Por Viveiro.

Loureiro tamén alertou sobre as consecuencias da decisión da Xunta no Plan Xeral de Ordenación Municipal, acusando o goberno autonómico e o PP de “chantaxear” ao seu executivo local e de obrigar a modificar o PXOM. Méndez anunciou que o PSdeG levará ao Parlamento unha iniciativa para retomar a vía de alta capacidade, avaliar o impacto da renuncia na planificación urbanística e evitar prexuízos administrativos para a veciñanza.

Os socialistas lembraron que a comarca da Mariña padece un grave déficit de infraestruturas e que a solución pasa, entre outros proxectos, por completar a vía Costa Norte e a autovía A-74, garantindo conexións adecuadas coa A-8 e coas zonas de Ortegal e Ferrolterra. Por iso, esixen á Xunta e ao Goberno central que non escamoteen recursos e que a variante de Viveiro recupere a súa categoría de alta capacidade.

⚙ Configurar cookies
0.077460050582886