O PSdeG celebra o desbloqueo das obras viarias en Xove tras 18 anos de espera

O PSdeG-PSOE de Xove celebrou con satisfacción a aprobación definitiva do convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello para a reparación da rede de estradas provinciais no municipio. Este acordo, que se confirmou nun pleno extraordinario celebrado este mércores, permitirá investir máis de 1,6 millóns de euros na mellora das vías, cun impacto positivo para todas as parroquias da localidade.
Desde a formación socialista destacaron que esta iniciativa supón o cumprimento dun dos principais compromisos asumidos coa veciñanza durante a actual lexislatura. Subliñaron que este avance foi posible grazas á colaboración socialista e lamentaron o abandono das infraestruturas viarias durante dezaoito anos, período no que, aseguran, tanto o PP como o BNG permaneceron alleos á problemática. “Levamos anos soportando camiños nun estado lamentable mentres PP e BNG miraban para outro lado. Agora que por fin se desbloquea a situación, o BNG vota en contra. Nin nós nin a veciñanza o entendemos”, expresaron.
O PSdeG reafirmou o seu compromiso cunha política útil, seria e próxima ao territorio. “Temos proxecto, principios e vocación de servizo para traballar polo noso pobo. Non estamos aquí para figurar, senón para facer cousas reais que melloren a vida da veciñanza”, afirmaron.
Este convenio beneficiará directamente a parroquias como a Rigueira, Penas Agudas, O Cruceiro, Portocelo, Lago, Morás, Sumoas, entre outras, e simboliza unha aposta clara por investimento, dignidade e futuro para Xove. “É só o principio. Seguiremos loitando por todo aquilo que o noso concello precisa”, concluíron.