O PSdeG abre en O Vicedo unha nova Casa do Pobo como espazo de encontro e impulso político

O Vicedo conta desde hoxe cun novo espazo de participación cidadá e impulso político: a Casa do Pobo do PSdeG. O secretario xeral socialista na provincia de Lugo, José Tomé Roca, foi o encargado de inaugurar esta nova sede, que nace coa vontade de ser “un lugar de encontro para toda a veciñanza, pensado para escoitar, propoñer e construír alternativas comprometidas coa realidade local”.
O acto contou cun ton especialmente emotivo, cheo de lembranzas para quen puxo en marcha a agrupación local no ano 1983. A memoria dos inicios estivo moi presente nun evento que quixo homenaxear ás persoas que, co seu traballo, asentaron o proxecto socialista neste municipio da Mariña.
Na cita estiveron tamén o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, a secretaria de Organización, Lara Méndez, o senador por Lugo, César Mogo, a subdelegada do Goberno, María Isabel Rodríguez, e o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval. Tamén acudiron alcaldes da contorna, concelleiros socialistas da Mariña e moitas veciñas e veciños.
Tomé Roca sinalou que a sede “ponse a disposición de todos os colectivos para ser un lugar de escoita e de transmisión de propostas e avances”, e subliñou que servirá para “dar un novo pulo ao Vicedo, cunha agrupación local cada vez máis forte, máis próxima e con máis capacidade de futuro”. O líder provincial animou á militancia a elixir “desde a base” a persoa que encabezará a candidatura ás municipais de 2027, asegurando que “a Deputación seguirá apostando por esta comarca logo de 46 anos de abandono por parte do PP”.
Pola súa banda, Besteiro destacou que a apertura dunha Casa do Pobo é “un acto de compromiso e tamén de esperanza”, e puxo en valor a “enerxía e ilusión dunha militancia viva, con capacidade para transformar a realidade”. Avanzou que “o obxectivo é revalidar a Deputación, recuperar alcaldías como a de Viveiro e gobernar tamén no Vicedo”.
Durante o acto tomaron a palabra tamén membros da agrupación local como o secretario xeral, Juan Carlos González, o secretario de Organización, José Ramón García, a concelleira Lucía Prieto e o fundador da agrupación, Luis Lozano. Todos coincidiron en destacar a vontade de que esta sede sexa “un espazo aberto á cidadanía, onde compartir ideas, participar e construír colectivamente”.
Desde a agrupación socialista remarcan que “a veciñanza é o que nos move” e que esta nova sede será “tamén a vosa casa, un lugar para sumar e avanzar xuntas e xuntos”.