O próximo curso dous centros educativos bureleses vanse incorporar ao programa Educación Responsable
O próximo curso dous centros educativos bureleses vanse incorporar ao programa Educación Responsable que ten como obxectivo o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, e que se realiza en colaboración coa Fundación Botín.
Estes centros serán CEIP Plurilingüe Virxe do Carme e o IES Perdouro e na actualidade están a traballar esta iniciativa 71 centros de ensino, 8.766 alumnos e 735 docentes, aos que se sumarán os novos seleccionados.
Como novidade para o curso 2022/23, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades incorpora, para os centros galegos participantes no programa, un novo recurso educativo denominado Playing Emotions, relacionado coas novas tecnoloxías e a análise das técnicas narrativas, sempre desde unha perspectiva das emocións.
Deste xeito, a iniciativa entronca co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e coa Estratexia Educación Dixital, dado que inflúe na disposición dos espazos das escolas, propiciando ambientes confortables e inclusivos para o alumnado. Ademais, emprega ferramentas cuxo uso fomenta a competencia dixital nos procesos de ensino-aprendizaxe relacionados coa igualdade, a convivencia e a inclusión.
FASES
O programa Educación Responsable está centrado na aplicación didáctica, dentro das áreas curriculares, dunha serie de recursos de educación emocional, social e creativa, que se realiza de forma coordinada entre todos os centros da rede de Centros Educación Responsable de Galicia. A iniciativa desenvólvese ao longo de tres cursos nos que, a maiores de levar ás aulas as actividades e materiais dos que dispoñe o programa, os centros contan con formación vencellada ao Plan de Formación Permanente do Profesorado, así como financiación para desenvolver o programa a través dos Contratos-Programa.
O obxectivo da fase inicial e de crecemento (1º curso) é que o equipo de cada centro participante coñeza as ferramentas didácticas propias da educación emocional e aplique as actividades do programa; mentres que na fase de expansión (2º curso) o centro participante asumirá este programa como unha liña prioritaria dentro do seu proxecto educativo, recibindo formación para o resto dos docentes e estendendo o programa a un maior número de alumnado.
A fase de consolidación (3º curso) ten como obxectivo que o centro utilice de forma autónoma as metodoloxías, técnicas e actividades e sexa quen de elaborar outras novas, incluíndo obxectivos propios do crecemento emocional, social e creativo do alumnado. Para iso, será necesario que a maioría dos profesores incorporen nas súas programacións de aula actividades de Educación Responsable e que se aplique a totalidade dos recursos do programa coa maior parte do alumnado.
Galicia incorporouse a Rede de centros de Educación Responsable no curso 2014/2015. O programa desenvólvese noutras comunidades españolas, concretamente en Cantabria, Madrid, A Rioxa, Navarra, Murcia, Castela e León, Aragón e Comunidade Valenciana, así como nos países de Uruguai, Chile e México.