O proxecto para retranquear o paseo do San Bartolo en Barreiros entra en exposición pública

Desde hoxe e durante 20 días hábiles, ata o 15 de decembro, permanece en exposición pública o proxecto elaborado pola Dirección Xeral de Costas para actuar no paseo marítimo da zona do San Bartolo, no Concello de Barreiros. A publicación permite que a veciñanza e todas as persoas interesadas revisen a proposta e presenten as observacións ou alegacións que consideren oportunas.
O estudo xeotécnico realizado previamente resulta clave para comprender a intervención prevista. As análises confirmaron a inestabilidade dos tramos afectados pola erosión mariña e avalaron a decisión de retranquear o paseo como medida máis segura. Segundo Costas, estas conclusións tamén xustifican o peche dos accesos que o Concello de Barreiros clausurara por motivos de seguridade, ao tratarse de puntos especialmente expostos e con risco evidente.
O proxecto inclúe ademais a instalación de alumeado público nesa área do litoral, incorporando a proposta remitida polo propio Concello de Barreiros para corrixir unha deficiencia histórica. Trátase dunha demanda reiterada pola cidadanía debido á falta de visibilidade e á inseguridade que se rexistraba durante as horas nocturnas.
A documentación completa pode consultarse a través da ligazón facilitada polo Ministerio, e as alegacións deberán dirixirse ao Servizo Provincial de Costas, podendo presentarse en calquera administración pública.
Esta fase de exposición pública supón un paso decisivo cara á mellora e consolidación dun dos espazos máis frecuentados da costa barreirense, cun proxecto que busca garantir a seguridade, preservar o litoral e avanzar na ordenación do paseo marítimo.