O proxecto para renovar a rede de abastecemento de Ribadeo irá ao pleno o 18 de marzo

AMariñaXa
O alcalde, Dani Vega, subliña que a renovación da tubaxe é a solución para evitar cortes de auga continuos e garantir o futuro do servizo
ribadeo-renovacion-rede-auga-2025
8 Mar 2025

Ribadeo corre o risco de quedar sen auga se non se toman medidas urxentes, así o advirte o alcalde, Dani Vega, que mostra a súa preocupación pola situación da rede de abastecemento. Segundo explica o rexedor, a solución está cada vez máis cerca, xa que o proxecto definitivo para a renovación da tubaxe será presentado no pleno do vindeiro 18 de marzo e, a continuación, o Concello sacará a licitación para que as empresas se poidan presentar ao proceso de construción da nova rede.

Vega destacou a gravidade da situación: “¿Ribadeo queda sen auga? A resposta é clara, si. Temos un 95% de posibilidades de quedarmos sen auga se non facemos algo. Por iso, buscamos e atopamos unha solución, e xa está lista para ser aprobada no pleno”. O alcalde especificou que o problema de Ribadeo non radica na captación de auga, senón nas infraestruturas vellas e en mal estado, especialmente na tubaxe que vai de Vilarbetote a Ribadeo, que se renovará por completo debido ás constantes roturas que se producen.

“O que non se ve, como o subministro de auga baixo a terra, parece que non se valora”, afirmou o alcalde. "Pero as administracións estamos aquí para priorizar os problemas importantes, e esta renovación é fundamental para garantir o subministro de auga no futuro e permitir que Ribadeo siga medrando".

Vega tamén quixo agradecer a colaboración das distintas administracións que fixeron posible o financiamento desta obra. A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, destinará 7,5 millóns de euros para financiar a renovación da rede, algo que o alcalde valorou moi positivamente. Ademais, sinalou a colaboración do Consello de Trabada para garantir o subministro de auga tamén para este municipio, traballando xuntos por unha solución común.

O alcalde finalizou subliñando que, nun tempo récord, o proxecto está xa listo para ser aprobado no pleno do 18 de marzo, un paso clave para resolver un problema que levaba moitos anos sen solución. “A cuestión está resolta, e en breve empezaremos a traballar na licitación. Estamos a pechar un capítulo que levaba moito tempo sen solución”, afirmou con optimismo.

⚙ Configurar cookies
0.099548101425171