O proxecto de dragaxe do porto de Foz supera un trámite clave tras dous anos de espera

O porto de Foz dá un paso adiante cara a unha mellora largamente reclamada. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade vén de aprobar a declaración ambiental do proxecto de dragaxe, un documento imprescindible para que a actuación poida facerse realidade. O alcalde, Fran Cajoto, cualificou o avance como “un trámite necesario para unha obra imprescindible para o funcionamento do porto de Foz” e fixo un chamamento a Portos de Galicia para acelerar os seguintes pasos.
“Levamos moito tempo agardando”, advertiu, lembrando que o Estudo de Impacto Ambiental se asinou en agosto de 2023 e que foron necesarios dous anos para a súa aprobación. Segundo indicou, entre a redacción inicial e a futura adxudicación do contrato, o procedemento acumulará máis de tres anos de tramitación. “Se engadimos a escasa dispoñibilidade de dragas, con esperas de entre seis meses e un ano, os prazos vólvense inasumibles”, denunciou.
O proxecto contempla unha dragaxe inicial no interior da dársena pesqueira, a cotas -1,5 e -2,5 metros, e na canle de entrada a cota -2, así como tres intervencións de mantemento nos anos seguintes. Cajoto insistiu en que, con tempos tan longos, cómpre xa ir pensando no seguinte proxecto para garantir que as dragaxes de mantemento non caian no esquecemento.
O rexedor tamén puxo o foco sobre Porto Chico, a pequena dársena na que algúns amarres quedan completamente en seco coa marea baixa. “Non está incluído neste documento e non temos novidades desde o ano 2022. Agardamos que se desbloquee, porque non é de recibo que os usuarios só poidan usar as súas embarcacións en marea alta”, afirmou. Tamén quixo recoñecer “o traballo da Asociación A Ribeira para que as infraestruturas portuarias de Foz non queden no esquecemento”.