O programa Preto de ti leva charlas sobre a diabetes a Rinlo e A Devesa

O programa de charlas de saúde Preto de ti continúa medrando e amplía o seu alcance coa incorporación de dúas novas parroquias, Rinlo e A Devesa, co obxectivo de achegar á poboación información clara e útil sobre a diabetes, o seu control, a prevención e a mellora da calidade de vida.
As sesións están concibidas como encontros prácticos e accesibles, pensados para resolver dúbidas, fomentar hábitos saudables e ofrecer ferramentas que axuden a coidar a saúde nun contexto no que esta enfermidade ten cada vez maior presenza. Desde o Concello salientan a importancia de descentralizar este tipo de iniciativas e levalas aos distintos núcleos de poboación.
A concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, animou á veciñanza a participar nas charlas e destacou a boa acollida que está a ter o programa. Segundo indicou, a implicación da cidadanía “é fundamental para mellorar a calidade de vida”, ao tempo que subliñou a vontade municipal de seguir ofrecendo recursos que faciliten o coidado da saúde.
A última das sesións celebrouse en Vilaselán, onde se rexistrou unha ampla asistencia. A charla foi impartida por María Roel, enfermeira da Área de Benestar Social do Concello. A programación continúa hoxe en Ribadeo, ás 18:00 horas, e seguirá nos vindeiros días con novas citas noutras parroquias do municipio.
O calendario inclúe encontros o día 3 de febreiro en Arante, o 5 en Cedofeita, o 9 en Cinxe, o 10 na Devesa e o 11 en Rinlo. Desde o Concello insisten na necesidade de facilitar o acceso á información sanitaria e reforzar o compromiso coa prevención e o benestar das familias.