O programa Mil Ríos actuará nos lugueses Ulla, Eo, Landro e Sor

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Xunta impulsa, no marco da candidatura aos fondos europeos, o Proxecto Mil Ríos, co obxectivo de poñer en valor o Eo, Landro, Sor e Ulla.
rio ulla
1 Apr 2021

A Xunta de Galicia está a impulsar, no marco da súa candidatura aos fondos europeos, o Proxecto Mil Ríos, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio natural dos ríos galegos grazas a un investimento de máis de 30 millóns de euros.

Nunha visita esta mañá á contorna do río Sor, en Mañón, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que esta actuación se enmarca nun dos retos do seu departamento da proposta do seu departamento para os Next Generation: a conservación e restauración de ecosistemas e biodiversidade en Galicia.

O curso fluvial do Sor, xunto aos dos ríos Ulla, Eo e Landro, son nos que se centrará o proxecto, do que Vázquez Mejuto avanzou máis detalles despois de ser avalado polo Consello da Xunta na súa reunión da semana pasada.

Esta iniciativa tradúcese en restaurar e mellorar máis de 300 quilómetros destes ríos, recuperando as poboacións de peixes, incrementando a biodiversidade e a conectividade ecolóxica; ao tempo que se mellora a adaptación dos ríos ao cambio climático e a resiliencia ás posibles catástrofes naturais.

O Proxecto Mil Ríos ten catro eixes principais, como a eliminación e o control de especies exóticas invasoras, tanto de fauna coma de flora, nos corredores fluviais, humedais e marismas; e a recuperación e mellora de hábitats e especies, sobre todo das especies ameazadas, entre as que se atopan o salmón, a anguía, o reo ou o sábalo, así como das que son propias neste tipo de hábitats, o galápago europeo, o mexillón de río, o cangrexo de río autóctono ou a toupa de río.

Un terceiro obxectivo é o seguimento de peixes migradores dos ríos de Galicia, grazas á instalación de sistemas de conteo e detección de peixes nestes catro ríos, con equipamento de seguimento de última xeración, como poden ser os contadores en escala con vídeo, antenas de detección e sistemas de detección de marcas acústicas. E no caso concreto do Ulla, inclúe melloras para convertelo en índice de seguimento das poboacións de peixes que migran entre auga doce e salgada (diádromos) a nivel europeo.

Segundo a conselleira, para o desenvolvemento do cuarto eixo deste proxecto tamén se solicitará a participación das demarcacións hidrográficas, co fin de mellorar as infraestruturas dos ecosistemas fluviais, grazas a actuacións como a consolidación de marxes fluviais, a eliminación de infraestruturas que estean obsoletas ou en desuso e a permeabilización de obstáculos nos ríos.

Por último, a conselleira destacou que o impulso por esta iniciativa leva aparellada outros beneficios, como é o impulso do emprego verde e o turismo sostible, dous aspectos cos que avanzar na concienciación e na sensibilización.

Nese sentido, felicitou ao Concello de Mañón polo traballo de mantemento e conservación que realiza dos espazos e das contornas naturais no municipio e sobre todo nos que están próximos ao río, que son unha alternativa de ocio e de lecer para estes días festivos cos que gozar da natureza “sempre con responsabilidade e sentidiño”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18038988113403