O Programa de Inmigrantes de Burela impartirá unha nova acción formativa de alfabetización de adultos
O Programa de Inmigrantes do Concello impartirá desde mañá unha nova acción formativa de alfabetización de adultos/as para a aprendizaxe dos idiomas que se falan en Galicia, segundo deu a coñecer a concelleira de Inmigración, Cooperación e Integración, Noelia Mª Ben. Está destinada ás persoas estranxeiras e o seu obxectivo é contribuír ao seu bo desenvolvemento tanto na vida social como laboral.
A edil burelesa explica que “o Programa de Inmigrantes da Concellería de Inmigración, Cooperación e Integración vai organizar de novo unha acción formativa de alfabetización de adultos/as para a aprendizaxe dos idiomas da nosa comunidade. Está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo e comezará mañá, 1 de decembro”.
Noelia Mª Ben indica que “con esta formación trátase de axudar a lograr unha adquisición lingüística favorable para o bo desenvolvemento tanto na vida social como laboral das persoas estranxeiras, xa que entendemos que o bo coñecemento e o bo uso do idioma é un dos motores principais para a integración integral”.
Para calquera dúbida as persoas interesadas poden solicitar máis información na Casa do Concello ou chamando ao 982 58 60 00 ou 982 58 06 09.