O Programa Catuxa pecha o mes de febreiro coas actividades levadas a cabo nos centros mariñaos

TerraChaXa | AMariñaXa
28 Feb 2019

O equipo de ReTnova Proxectia Consulting, empresa adxudicataria do programa Catuxa, trasladouse o pasado luns 25 e martes 26 aos centros IES Alfoz-Valadouro, IES de Foz e IES Enrique Muruais da Pontenova para continuar traballando da man do alumnado de 3º e 4º da ESO no fomento da igualdade, respecto pola diversidade e loita contra a violencia de xénero.
Comezaron os alumnos do IES Alfoz-Valadouro co taller de Intelixencia emocional, social e habilidades persoais, onde experimentaron a través de diversas dinámicas para sentir emocións, a través da roda e do dominio das emocións, vencer os medos e mudar actitudes. A finalidade deste taller experiencial foi fomentar as habilidades de comunicación, resolución de conflitos, a tolerancia e a afouteza do alumnado de 3o e 4o da ESO dos concellos de Alfoz e Valadouro.
Ese mesmo día, o alumnado de 3º da ESO do IES de Foz participou na actividade Analizando e rompendo cancións: busca e substitución de mensaxes machistas. Nesta actividade mozas e mozos aprenderon a identificar mensaxes desigualitarias, discriminatorias e mesmo violentas contra as mulleres nas cancións que escoitan con frecuencia. A través de dinámicas de grupo conseguiron transformar as mensaxes machistas e tomar conciencia da importancia de erradicar o mito do amor romántico e da media laranxa e da desigualdade entre homes e mulleres mediante unha dinámica participativa.
Ao día seguinte, participaba nesta mesma actividade o alumnado de 4º da ESO do IES de Foz, que acolle alumnado dos Concellos de Foz e Barreiros; e do IES Enrique Muruais, ao que acoden alumnas e alumnos dos concellos de A Pontenova e Riotorto, traballaron nesta mesma actividade.
Nesta semana un total de 117 mozas e mozos de entre 14 e 16 anos tiveron a oportunidade de participar nas actividades do programa Catuxa. E son xa más de 200 as e os adolescentes que participaron neste comezo de ano en Catuxa, pertencentes a tres IES e seis concellos da Mariña Lucense.
O programa retomará a súa actividade o próximo 13 de marzo no IES María Sarmiento co alumnado dos concellos de Viveiro, O Vicedo e Ourol, e seguirá ese mesmo mes no IES Illa de Sarón e no Vilar Ponte. Catuxa dispón dun teléfono e correo electrónico no que o alumnado, profesorado, nais e pais poden formular as consultas que precisen.

0.12869691848755