O programa Arruguiñas continúa en 2026 promovendo o envellecemento activo a través da creatividade

O programa municipal de envellecemento activo Arruguiñas mantén a súa actividade ao longo de 2026 coa continuidade dos seus Talleres Terapéuticos, unha iniciativa dirixida a promover o benestar, a participación social e a creatividade das persoas maiores do municipio.
Nas últimas sesións, o alumnado vén de completar unhas axendas personalizadas, realizadas de maneira artesanal e cun alto grao de implicación por parte dos participantes. Trátase de traballos elaborados con coidado, ilusión e dedicación, que reflicten o valor terapéutico e emocional destas actividades. Unha vez finalizado este proxecto, o grupo xa iniciou unha nova proposta creativa: a elaboración de faros feitos integramente a man, unha actividade que estimula a imaxinación e a motricidade.
Estes talleres desenvólvense en colaboración coa asociación Saúde Mental A Mariña, reforzando así a dimensión social e inclusiva do programa e favorecendo espazos de encontro nos que se promove a expresión persoal e o apoio mutuo.
Ás sesións asiste de maneira habitual a concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada, quen pode comprobar de primeira man o clima positivo que se xera durante as actividades. O ambiente de traballo caracterízase pola boa convivencia, o compañeirismo e a participación activa de todas as persoas asistentes.
Os talleres teñen lugar na Casa do Mar, un espazo que se converte nun punto de referencia para a creatividade, a aprendizaxe compartida e a promoción dun envellecemento activo e saudable dentro da programación municipal.