O Principado inviste preto de 360.000 euros na mellora do vial entre Folgueiras e A Coba, en Vegadeo

A Consejería de Movilidad, Medio Ambiente y Gestión de Emergencias do Principado de Asturias vén de completar a renovación integral do vial que conecta as localidades de Folgueiras e A Coba, no concello de Vegadeo. A intervención contou cun investimento de 359.980 euros, destinados principalmente á mellora do firme, rehabilitación do sistema de drenaxe e instalación de novos elementos de seguridade.
O director xeral de Cooperación Local e Seguridade, Olmo Ron, desprazouse este xoves ata o municipio para comprobar in situ o resultado das obras, acompañado polo alcalde de Vegadeo, César Álvarez.
O tramo renovado, de 1.470 metros de lonxitude, presentaba deformacións na plataforma que foron corrixidas, ademais de incluír a reparación e adecuación das cunetas, a substitución completa do pavimento e a instalación de 152 metros de barreira de seguridade. Tamén se renovou a sinalización horizontal e vertical, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria e mellorar a comodidade dos usuarios.
Esta obra inscríbese no marco do programa de cooperación entre o Goberno do Principado e os concellos con menos de 20.000 habitantes, unha liña de traballo orientada a garantir o mantemento das infraestruturas municipais e facilitar a mobilidade no medio rural.
Durante a visita, Olmo Ron destacou tamén o aumento do Fondo de Cooperación Municipal, que este ano destina a Vegadeo 147.898 euros, o que supón un incremento do 29,11% respecto ao inicio da lexislatura. Esta achega ten como obxectivo reforzar a economía local e dotar de máis recursos ás administracións máis próximas á cidadanía.