O Primeiro Ministro de Cabo Verde visita Burela para fortalecer os lazos coa súa comunidade emigrante

AMariñaXa
Ulisses Correia e Silva participou nun encontro coas familias caboverdianas e compartiu a tradicional cachupa nunha xornada de fraternidade e integración
BURELA-Ministro-Cabo-Verde-octubre-2'25
6 Oct 2025

O Primeiro Ministro de Cabo Verde, Ulisses Correia e Silva, realizou este domingo unha visita institucional ao Concello de Burela, acompañado dunha ampla representación do seu Goberno. Xunto a el estiveron o ministro de Fomento da Investimento, da Empresa e de Modernización do Estado e da Administración Pública, Eurico Correia Monteiro; a secretaria de Estado de Negocios Extranxeiros e Cooperación, Myrian Djamila Sena Vieira; e o embaixador de Cabo Verde en España, Eduardo Jorge Lima Barros Silva.

A comitiva foi recibida ás 13:00 horas no Salón de Plenos do Concello nun acto de carácter informal, durante o cal o Goberno local transmitiu o seu agradecemento pola visita e fixo entrega dun agasallo representativo da vila. O encontro serviu para reivindicar os profundos vínculos históricos e culturais entre Burela e Cabo Verde, froito da importante presenza da comunidade caboverdiana asentada no municipio dende hai varias décadas.

Xa pola tarde, arredor das 16:30 horas, tivo lugar un coloquio coa comunidade caboverdiana no Salón de Conferencias, no que se trataron cuestións relacionadas coas principais inquedanzas e propostas da colectividade residente na vila. O diálogo desenvolveuse nun ambiente de proximidade e colaboración, reforzando a vontade de manter canles directas de comunicación entre o Goberno caboverdiano e os seus cidadáns no exterior.

A xornada culminou na Praza de Abastos, onde se serviu a tradicional cachupa, prato emblemático da gastronomía caboverdiana. A celebración adquiriu un ton festivo coa actuación do grupo Batuko Tabanka, cuxas batukadeiras encheron o espazo de ritmo e cor. Mesmo o propio primeiro ministro se sumou á música, compartindo un momento de alegría e irmandade coa veciñanza.

O tenente da alcaldesa, Mario Pillado, subliñou a relevancia da visita e o seu simbolismo para Burela. “A presenza do Primeiro Ministro é un recoñecemento á historia compartida entre Burela e Cabo Verde. A nosa vila é un exemplo de convivencia e integración, e este tipo de iniciativas consolidan esa unión entre pobos irmáns que forma parte da identidade de Burela”, manifestou Pillado, quen destacou tamén o papel da comunidade caboverdiana na vida social, económica e cultural do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.054689168930054