O presidente da República de Cabo Verde visitará Burela este domingo
O Concello de Burela recibirá este domingo, día 7 de abril, a visita de José Maria Pereira Neves, presidente da República de Cabo Verde, e unha ampla delegación de embaixadores, cónsules e outros cargos públicos deste país africano.
O mandatario chegará ao municipio en torno ás 14:00, momento no que visitará a Casa do Concello xunto coa súa comitiva. Será recibido pola alcaldesa e a corporación municipal, e firmará o libro de honra do Concello. Participarán tamén nesta recepción representantes do Goberno de España, da Xunta de Galicia e da Fundación Expomar.
Posteriormente, a comitiva visitará o barco museo Reina del Carmen e as instalacións do porto. A partir das 17:00 terá lugar, de novo no salón de plenos do Concello, un encontro entre o presidente e a comunidade caboverdiana residente en Burela.
A alcaldesa Carmela López destaca “o orgullo que supón para Burela ser unha das paradas axendadas polo Presidente de Cabo Verde cando visita o noso país”.
“O noso municipio conta con preto de 500 caboverdianos e caboverdianas empadroadas, polo que esta será unha ocasión perfecta para facer un exercicio de interlocución e de encontro que sentará as bases para establecer novos lazos de colaboración e de sinerxias entre Burela e o país africano”, sinala a rexedora.
Por outra banda, o primeiro tenente de alcaldesa Mario Pillado subliña que “dende a área de Inmigracón, Cooperación e Integración cremos que é fundamental o encontro que o Presidente da República vai manter coa comunidade caboverdiana en Burela”.
“Trataremos de amosarlles as demandas e problemáticas que detectamos no servizo de atención a inmigrantes, e a propia comunidade terá oportunidade de expresar as súas inquedanzas”, explica o concelleiro de Inmigración. “Queremos lograr melloras para a vida da comunidade caboverdiana en Burela, especialmente en canto a trámites burocráticos e administrativos”, engade.
O concelleiro de Mar, Ramiro Fernández Rey, explica pola súa banda que “a comunidade caboverdiana está moi vencellada ao mundo do mar, é algo que une moito a nosa vila co seu país”. “Estamos encantados de que o presidente vaia estar aquí, é unha honra, e agardamos que desfrute moito a visita”, afirma.
O edil tivo ocasión de conversar con Pereira Neves o pasado mes de setembro na décima edición de Expomar, que se celebrou en Cabo Verde. Alí trasladoulle persoalmente o convite a visitar Burela, que agora se materializará este domingo.