O Premio José Luis Alvite 2023 entregarase ao viveirense Ramón Pernas este mércores
O Concello convida á veciñanza a acompañar ao xornalista viveirense Ramón Pernas o próximo mércores, 3 de maio, no acto de entrega do Premio José Luís Alvite que lle concede a Asociación de Periodistas de Galicia (APG).
A cita, que terá lugar no Teatro Pastor Díaz ás 19.00 horas, contará coa presenza do Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, Román Rodríguez González, da alcaldesa, María Loureiro, xunto á presidenta da APG, María Méndez, e directivos da entidade.
A entrega destes prestixiosos galardóns, que alcanzan a súa oitava edición, será conducida pola xornalista Juana Carrera.
O xurado do Premio José Luis Alvite concedeu ao periodista, escritor e crítico literario Ramón Pernas esta distinción “pola súa longa e brillante traxectoria como articulista e columnista, ademais de ter exercido durante décadas, con éxito, o oficio de xornalista nas súas máis diversas vertentes, incluídos varios cargos de responsabilidade en medios de comunicación”.
“Viveiro ten moito que agradecer a Ramón Pernas. No seu labor a prol da vila promovendo iniciativas culturais, cos seus artigos e cos seus libros, sempre ten presente a nosa vila exercendo de perfecto embaixador do noso. Por iso creo que é xusto que tamén os veciños e veciñas da vila arroupemos a Ramón e desfrutamos ao seu lado deste día tan especial para el”, subliña a alcaldesa María Loureiro.