O prazo para solicitar praza nos centros educativos será do 1 ao 20 de marzo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Este procedemento vai dirixido a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo, así como aos de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar
educacion-escolar-alumnos-colexio
13 Jan 2025

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional fixa do 1 ao 20 de marzo o prazo para que as familias soliciten praza escolar para todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo (maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil), así como para aqueles alumnos de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles.

Previamente, do 15 de xaneiro ao 4 de febreiro, estará aberto o período de reserva de praza para o caso dos alumnos que rematan etapa no seu centro actual e pasan ao centro adscrito que lles corresponde. Isto é, por exemplo, para aqueles estudantes que rematan Primaria nun CEIP e pasan a Secundaria nun IES, ou que rematan Infantil nunha Escola de Educación Infantil (EEI) e pasan a un colexio de Primaria.

Unha vez pechado o prazo de solicitudes, as listaxes provisionais de admitidos e excluídos publicaranse o día 25 de abril, as definitivas o 15 de maio e os prazos de formalización de matrícula serán do 20 ao 30 de xuño para os alumnos de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e Bacharelato.

Ademais dos procedementos e dos prazos sinalados, a organización do vindeiro curso incorpora tamén as medidas do acordo de mellora do ensino blindadas a través da Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta de Galicia para 2025, entre as que se inclúe a redución progresiva da rateo máxima de 20 alumnos por aula que comezou a aplicarse no presente curso para 4º de Educación Infantil e que se amplía a 5º curso de Infantil no vindeiro 2025/26.

Tramitación en liña

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación pon á disposición das familias unha ferramenta informática, a aplicación admisionalumnado, que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación. Deste xeito, garántese o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial.

Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao gravar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante.

0.15757203102112