O PPdeG subliña a subida do financiamento do SAF nos concellos da comarca

O Partido Popular de Galicia puxo en valor o aumento do investimento que o Goberno galego destinará ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nos 15 concellos da Mariña lucense. Segundo trasladaron representantes do Grupo Popular no Parlamento de Galicia en encontros celebrados en Barreiros e Burela, a contía total incrementarase en 6,6 millóns de euros ao longo dos vindeiros tres anos.
Os deputados Raquel Arias, Nicole Grueira e Enrique Barreiro explicaron que esta medida responde á decisión da Xunta de elevar progresivamente o prezo por hora do servizo, que pasará dos 12 euros actuais ata acadar os 18 euros en 2028. Este incremento permitirá que o financiamento autonómico alcance os 12 millóns de euros neste período, fronte aos 5,3 millóns previstos co sistema vixente.
Durante as xuntanzas, nas que tamén participaron representantes locais do partido, destacouse que os concellos poderán solicitar este reforzo económico a partir de finais de marzo, cun prazo dun mes, e que terá carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro.
A actualización das tarifas foi acordada entre a Xunta de Galicia e a Fegamp, establecendo un calendario progresivo que fixa o prezo da hora en 16 euros para 2026, 17 euros en 2027 e 18 euros en 2028.
Esta medida suporá un incremento notable dos recursos destinados a cada municipio da comarca, entre os que destacan Viveiro, con arredor dun millón de euros, ou Foz, que superará os 900.000 euros. O obxectivo, segundo indicaron os representantes populares, é garantir unha mellor cobertura deste servizo esencial e reforzar a atención ás persoas dependentes e ás súas familias.