O PPdeG reivindica a Lei do Litoral cun manifesto lido en Viveiro
O Partido Popular de Galicia reivindicou hoxe a Lei do Litoral a través de sendos actos celebrados de xeito simultáneo nas tres provincias costeiras galegas e nas que se deu lectura a un manifesto a favor desta norma.
En Viveiro leron o manifesto a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, e a voceira do PP local, Mariña Gueimunde.
"Galicia non se entende sen a súa costa. Non en van, somos a comunidade autónoma marítima por excelencia, co litoral máis longo de toda España, e dispoñemos dun dos ecosistemas mariño-costeiros máis variados e ricos do mundo. A esta riqueza ambiental súmase unha beleza paisaxística excepcional.
Uns extraordinarios valores ambientais do litoral que deben ser obxecto de especial protección. Estamos a falar de 2.500 quilómetros de costa, 40.000 postos de traballo e 9.000 millóns de euros de actividade económica, o que supón case un 5% do PIB da Comunidade.
Unha costa única no mundo e que Galicia quere e pode xestionar, xa que conta desde hai anos coas competencias de ordenación. Así o recoñece o noso Estatuto de Autonomía, e así o ratificaron o Consello Consultivo e o Tribunal Constitucional.
O Tribunal Constitucional vén de avalar por unanimidade a Lei de ordenación do litoral, unha norma feita por e para Galicia, que aposta por unha xestión integrada desde unha tripla perspectiva: ambiental, social e económica, seguindo o camiño que marca Europa. E que ademais persegue a xestión sostible da nosa costa tanto no ambiental como no socioeconómico, promulgada desde onde mellor se coñece.
Tras este respaldo xudicial, agora é o momento de recuperar os meses perdidos debido ao recurso do Goberno central. Un recurso máis político que xurídico, e que é un claro exemplo da diferenza de trato a Galicia con respecto a outras comunidades, coas que si dialogou e chegou a acordo, como Cataluña, Illas Baleares e o País Vasco.
A sentenza do Alto Tribunal avala que a norma galega é plenamente constitucional, fronte a todos os que a definiron como unha auténtica declaración de independencia. Deixa claro que non é necesario reformar o noso Estatuto e pon de manifesto a pouca altura de miras da oposición galega, BNG e PSOE, que deixaron pasar a oportunidade de apoiar unha norma vital para Galicia e para o seu desenvolvemento, só por buscar rédito político."