O PPdeG insiste en Burela na necesidade dun comisario europeo de Pesca
O Partido Popular de Galicia insiste na súa demanda de que a Comisión Europea cree nesta próxima lexislatura un comisario específico de Pesca para que as políticas comunitarias neste eido non estean sometidas exclusivamente a criterios medio ambientalistas e garantan o equilibrio co sector: “O futuro do planeta ten que ser verde e o do mar, azul; pero non a costa de que o futuro da nosa xente do mar sexa negro”.
Así o manifestou o candidato do PP ao Parlamento Europeo Francisco Millán Mon nunha visita á confraría de pescadores de Burela, que na súa opinión exemplifica as consecuencias negativas para a frota galega e para a Mariña lucense de decisións como foi o veto á pesca de fondo. “Este veto foi o resultado de primar os intereses dos peixes fronte aos dos pescadores e ademais non se fixo ben: nin contou cun estudo de impacto nin distinguiu entre dúas artes tan diferentes como o arrastre e o palangre”, afirmou amosando o seu compromiso de reverter este veto ou, polo menos, excluír ao palangre dado que “o seu impacto no fondo mariño é practicamente inexistente”.
Neste sentido, a existencia dun comisario específico de Pesca, tal e como propón o PP no seu programa electoral, sería a garantía de que “as políticas pesqueiras europeas non estarían sometidas exclusivamente a criterios próximos ao ecoloxismo radical, senón que recollerían as necesidades e preocupación da xente do mar e defenderían os seus intereses”.
Pola súa banda, o responsable de Mar no Goberno galego, Alfonso Villares, afondou nesta cuestión defendendo que a frota galega é a que “máis e mellor conserva os mares e protexe os seus ecosistemas” e incidiu no moito que o sector mar-industria da nosa Comunidade se xoga nas eleccións europeas.