O PP volve denunciar a falta de medidas de seguridade na estrada de Galdo

AMariñaXa
Ameijide pide á Deputación que atenda dunha vez as reclamacións veciñais para protexer aos peóns
PP-LU-P-6602-Galdo-Viveiro-estrada
18 Sep 2025

Os deputados provinciais do PP, Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro, visitaron xunto á alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, e varios concelleiros populares a parroquia de Galdo, onde comprobaron de novo “a ausencia total de medidas de seguridade viaria” na estrada provincial LU-P-6602.

Ameijide advertiu que PSOE e BNG “seguen sen dotar dos necesarios elementos de seguridade” a esta vía, a pesar das constantes demandas dos veciños. “Pedímoslle a José Tomé que escoite dunha vez á veciñanza, que leva moito tempo reclamando pasos seguros e sistemas para reducir a velocidade dos vehículos, porque non é de recibo que sigan circulando a velocidades moi elevadas”, afirmou.

O voceiro provincial lembrou que a petición non é nova. “Xa no mes de novembro presentamos esta reclamación apoiando aos veciños de Galdo, pero para PSOE e BNG a seguridade viaria parece ser a súa última preocupación”, lamentou.

Os residentes insisten na urxencia de habilitar espazos seguros para camiñar e instalar elementos redutores de velocidade “para que non teñamos que xogar a vida cada vez que saímos das casas”, segundo explican. A maioría da poboación é de idade avanzada, polo que o temor a sufrir un atropelo é constante.

Ameijide relatou que durante a súa visita comprobaron persoalmente como “é imposible camiñar polas marxes da estrada porque non existen; os vehículos pasan a escasos centímetros dos peóns, obrigándonos a compartir o espazo e aumentando un risco que xa provocou atropelos no pasado”.

Ante esta situación, o PP anunciou que levará unha iniciativa ao pleno da Deputación de Lugo deste mes para esixir ao goberno provincial que actúe de inmediato. A proposta inclúe a creación de zonas seguras para os peóns, a colocación de elementos redutores da velocidade e un reforzo da sinalización na estrada que conecta a feira de Galdo coa parroquia ourolesa de Bravos.

⚙ Configurar cookies
0.069655895233154