O PP de Viveiro pide que o sobrante da partida para paliar a pandemia se destinen a autónomos, comercio e pemes
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, quere que uns 182.500 € sobrantes da partida de 400.000 euros fixados inicialmente para combater as consecuencias da pandemia se dediquen a autónomos, ao comercio e ás pemes.
"A xestión do goberno local é un exercicio de confusión, que ten como consecuencia ineficacia e falta de atención ás necesidades dos veciños de Viveiro", así o entende o grupo municipal do PP, cuxo portavoz anuncia a presentación dunha moción para destinar o importe do sobrante das axudas municipais establecidas a raíz da pandemia a autónomos, ao comercio e ás pemes, aproximadamente 182.500 euros.
Os populares lembran que para paliar as consecuencias económica producidas pola pandemia da covid-19, o Concello acordou destinar 400.000 euros do orzamento municipal para axudas a autónomos e pemes. Rodríguez explica: “Debido a distintos motivos, ao remate da convocatoria estimáronse 261 axudas, por importe de 217.430 euros, polo que quedaba un remanente de 182.570 euros”.
No PP destacan que como consecuencia da disparatada suba das tarifas eléctricas, o incremento do prezo dos combustibles e a suba de alugueres, tanto o comercio como os autónomos e a pequena empresa pasan por momentos delicados. Os populares entenden que, á vista da situación, é preciso destinar a cantidade sobrante a estas alturas dos 400.000 euros iniciais aos fins para que foi prevista inicialmente.