O PP ve no cambio de dirección unha proba da "mala xestión" da residencia de Trabada

O Grupo Provincial Popular considera de que o feito de cesar a anterior directora do centro e nomear un novo responsable é "unha confirmación dos problemas existentes no centro". Esta decisión será efectiva entre o 19 de maio e o 18 de xullo, agás que as circunstancias organizativas cambien antes desa data.
Así, o voceiro provincial do Partido Popular, Antonio Ameijide, interpreta esta decisión como un recoñecemento por parte do presidente da Deputación, José Tomé, das deficiencias que o PP leva meses denunciando. “Falamos de polo menos 10 reclamacións rexistradas no último ano, e agora constátase que non eramos nós os que mentiamos”, asegurou.
E esixen que “que expliquen publicamente os motivos de cambiar a dirección da residencia” sobre todo “despois de que hai poucos días que afirmaron que non había ningún tipo de problema de funcionamento nin queixas nin reclamacións rexistradas”.
Ameijide lembra que tanto o Concello como a Deputación teñen responsabilidade directa sobre a residencia, e insiste en que o obxectivo das denuncias non é político, senón mellorar a calidade do servizo e garantir os dereitos das persoas usuarias e das traballadoras. “Esiximos explicacións públicas sobre os motivos do relevo na dirección, xa que hai pouco afirmaban que todo funcionaba perfectamente”, engadiu.
CONTESTACIÓN DESDE A DEPUTACIÓN DE LUGO
O deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, pola súa parte, sostén que é "rotundamente falso que a directora da residencia fose cesada. Presentou a súa renuncia de maneira voluntaria, tal e como consta por escrito. Por tanto, o Partido Popular minte deliberadamente ao afirmar que foi apartada pola Deputación".
Ademais, explican que, na súa carta de renuncia, a directora expón que a súa decisión responde á campaña pública de desprestixio da que foi obxecto, con acusacións infundadas que cuestionaban a súa profesionalidade. "Esta realidade abre interrogantes sobre quen impulsou esa campaña e con que finalidade". Así, din que desde a Deputación de Lugo respectan e entenden a súa decisión persoal, adoptada nun contexto de forte presión externa.
Con todo, aseguran que a dirección da residencia "estivo e segue estando plenamente garantida, asegurando en todo momento o correcto funcionamento do centro e a atención ás persoas usuarias".
Capón tamén sinalou a Antonio Ameijide, ao que lle esixe que explique o seu papel na difusión destas acusacións e que valore "se é compatible cunha actuación institucional responsable. A súa implicación directa pon en dúbida a súa vontade de defender o interese xeral. Converterse nun mentireiro profesional non lle dá máis credibilidade nin está á altura do que a cidadanía espera dun representante público".