O PP ve incoherente que Lourenzá presuma de turismo sostible cunha oficina pechada

O Partido Popular de Lourenzá lamenta que a Oficina de Turismo do municipio leve pechada desde antes do verán, unha situación que, segundo denuncian, pon en evidencia a falta de planificación e previsión do goberno local. “É incomprensible que a alcaldesa presuma dun premio de Turismo Sostible concedido á Mancomunidade da Mariña mentres a nosa oficina de turismo leva meses sen atender ao público”, sinalan desde o grupo popular.
Os populares aseguran que calquera proxecto que poña en valor o territorio “conta co noso recoñecemento”, pero consideran que “non abonda con renovar o logotipo das oficinas turísticas da comarca nin coa imaxe unificada: o que realmente falta é traballo, previsión e compromiso co servizo público”.
A situación xa fora denunciada o pasado 1 de xullo polo BNG de Lourenzá, que advertiu de que o peche coincidía co inicio da tempada estival, cando se incrementa o número de visitantes e peregrinos que percorren o Camiño Norte. A portavoz nacionalista, Belén Fanego, criticara entón “a deixadez absoluta do goberno local” e subliñara que esta falta de previsión “xera un grave prexuízo tanto para o turismo como para a imaxe do municipio”.
Segundo o BNG, a traballadora encargada da oficina acollérase ao seu permiso regulamentario e o Concello non adoptou ningunha medida para garantir a continuidade do servizo. Tampouco, din, se activaron recursos alternativos nin se recorreron a bolsas de emprego ou xestións co Servizo Público de Emprego para contratar persoal de reforzo.
Desde ambas formacións insisten en que o peche da oficina supón unha perda importante para Lourenzá, xa que “se trata dun servizo esencial para a atención ao visitante e para a promoción dun patrimonio tan valioso como o que posúe o municipio”.
Tanto o PP como o BNG coinciden en reclamar que o servizo se restableza de inmediato e que o goberno municipal adopte medidas para evitar que unha situación semellante se repita. “Non se pode apostar polo turismo e á vez deixar sen funcionar unha das ferramentas básicas para a súa promoción”, conclúen os populares.