O PP suprime os eventos gandeiros de O Valadouro tras cinco anos de consolidación, segundo o BNG

AMariñaXa
O portavoz do BNG, Eduardo Chao, expresou a súa indignación ante a decisión do PP de eliminar uns eventos que, ao seu xuízo, contaban co apoio e recoñecemento do sector gandeiro
rotonda-valadouro
12 Feb 2025

O Valadouro, que o BNG considera un referente no sector agrogandeiro da Mariña e da provincia de Lugo nos últimos anos, ve como o Partido Popular elimina os eventos que, segundo os nacionalistas, dinamizaban a economía local e poñan en valor os recursos propios do municipio. O "Mes Gandeiro", unha iniciativa que incluía a Feira de Razas Autóctonas da Mariña, conferencias técnicas, concursos e exhibicións ecuestres, ademais de degustacións e espectáculos musicais, foi suprimido polo actual goberno municipal, o que provocou a crítica do BNG.

Medio ano de goberno de Lamela: sen iniciativas, destruíndo o construído, segundo o BNG

O portavoz do BNG, Eduardo Chao, expresou a súa indignación ante a decisión do PP de eliminar uns eventos que, ao seu xuízo, contaban co apoio e recoñecemento do sector gandeiro. "Levounos tempo e traballo consolidar estas feiras, e agora que xa estaban afianzadas, o PP decide eliminalas sen xustificación", afirmou Chao, criticando que o actual goberno local se centre en desmantelar proxectos en lugar de impulsar novas iniciativas.

O BNG proporá no vindeiro pleno a recuperación destas feiras, esperando que o Partido Popular e a ex-alcaldesa de Udival reconsideren a súa postura e apoien a iniciativa.

Cultura a tempo parcial, segundo o BNG

Ademais da supresión dos eventos gandeiros, o BNG denuncia que a Casa da Cultura funciona agora cun horario reducido. Entre o 9 e o 24 de xaneiro permaneceu pechada polas mañás, e o novo horario establecido ata o 5 de marzo é de 9:00 a 14:00, deixando sen servizo o horario de tarde.

Eduardo Chao cuestiona a xestión do PP nesta área, lembrando que agora hai unha concelleira de Cultura con dedicación exclusiva e salario. "Máis salario que dedicación, polo que parece", concluíu, lamentando que a cultura non sexa unha prioridade para o actual goberno municipal, segundo o BNG.

0.12913393974304