O PP sostén que Sánchez e o PSdeG bloquean solucións para Alcoa

AMariñaXa
Así o trasladou, Francisco Conde, deputado lucense e portavoz de Industria do Grupo Popular no Congreso
FConde-e-JDeOlano-Comisión-Industria-Congreso
12 Nov 2024

O deputado do PP lucense no Congreso e portavoz de Industria do Grupo Popular no  Congreso, Francisco Conde, asegura que “o futuro de Alcoa depende dunha decisión política do Goberno de Sánchez”. É máis, acúsao de “bloquear as autorizacións para os parques eólicos vinculados a un contrato de venda de enerxía (contratos PPA) que atendería ao 17 % das necesidades enerxéticas da planta mariñá, de non activar o máximo permitido pola lexislación europea en axudas derivadas da compensación por custos indirectos de emisións de CO2 nin modificar o Estatuto dos consumidores electrointensivos que dea resposta ás necesidades do sector, tal e como se comprometera a Ministra”.

Conde asevera que “o Goberno de Sánchez e o PSdeG bloquean solucións para Alcoa”. De feito, “mentres que a Xunta de Galicia cumpriu cos prazos -despois de declarar eses parques como iniciativas empresariais prioritarias-, o Ministerio para la Transición Energética y el Reto Demográfico resolveu fóra de prazo -en novembro do 2023- a declaración de impacto ambiental (DIA) de cinco parques eólicos vinculados a un contrato de venda de enerxía para Alcoa (contrato PPA). E, a pesar de que o PSdeG prometera que podía recuperar o seu permiso de acceso e conexión no prazo dun mes, case un ano despois deste anuncio, a situación segue a ser a mesma”.

Polo tanto, considera que “o PSdeG lle dá de novo as costas aos traballadores incumprindo o seu compromiso. E o BNG tamén, por seguir apoiando ao Goberno de Sánchez a pesar de terlle mentido e negarlle a Alcoa un prezo eléctrico estable e competitivo, como fan o resto de países da Unión Europea”.

Conde aclara tamén que “nin Bruxelas nin o marco enerxético impiden que se poidan conceder as axudas por compensación de custos indirectos de CO2 ás industrias electrointensivas”. A Directiva (UE) 2018/410 permite destinar ata o 25 % deses ingresos, “pero o apoio de España ás industrias electrointensivas non alcanza o que lle permite a lei”. Así, condena que “o Ministerio celebrara como un éxito que as axudas se eleven ata os 300 millóns de euros cando a industria electrointensiva española tería dereito a case o triplo: 896 millóns de euros”.

Conde é crítico con esta situación porque “coloca ao sector electrointensivo español nunha posición de grave desigualdade con respecto aos principais competidores europeos”, ademais de “limitar as posibilidades para o seu desenvolvemento e aumentar o risco de deslocalización impactando de forma directa no emprego e na economía rexional”.

O GOBERNO INCUMPRE O ACORDO

O deputado popular subliña “outro incumprimento máis por parte do Goberno de Sánchez” á vista de que “o Ministerio leva meses sen convocar a mesa de seguimento do acordo de Alcoa” que reclaman os traballadores e que “está plenamente xustificada” pero, ademais, “urxe para analizar a nova situación tras facerse público o preacordo inversor con Ignis”.

Os deputados lucenses no Congreso esixen ao Goberno de Sánchez, a través da Proposición No de Ley para garantir a competitividade da planta de Alcoa na Mariña e a industria electrointensiva para o seu debate na Comisión de Industria e Turismo: Cumprir os seus propios prazos impostos no Real Decreto-ley 23/2020 no que se refire á tramitación de proxectos de xeración a partir de fontes renovables; asumir as posibles responsabilidades patrimoniais para as empresas non só enerxéticas, senón tamén industriais; modificar o Estatuto dos consumidores electrointensivos para asegurar que as industrias en España podan competir en igualdade de condiciones no mercado europeo; e axilizar a tramitación e activación de poxas específicas de enerxía renovable para consumidores industriais intensivos en enerxía.

 

0.19923901557922