O PP ribadense di que o Concello ten sen pagar facturas do 2018

AMariñaXa
Os populares acusan ao Concello de Ribadeo de ter sen pagar facturas do 2018 do pan do piso tutelado do que xa fai 3 anos que non é titular
concello ribadeo3
31 Jan 2022

O portavoz do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, denuncia trala celebración do pleno ordinario deste mes de xaneiro que “o Goberno do BNG aínda está a pagar facturas pendentes do 2018 correspondentes ao pan do piso tutelado que xa non é titularidade do Concello dende xa fai 3 anos”. Os populares consideran unha “irresponsabilidade” que o Goberno local aínda pague no 2022 facturas pendentes do 2018 e que se debe a que “non fixo as cousas ben”.

O voceiro tamén apunta que “foi aprobado en pleno o pago dunha factura de máis de 5.000 euros en combustible. Seguramente á empresa non lle guste cobrar con atraso, pero este Goberno do BNG di que non pode facer máis e que a culpa é das empresas que presentan tarde as facturas ou dos funcionarios. Coma sempre, a culpa é de todos menos do goberno do BNG”, lamenta.

Para evitar este tipo de situacións; tanto o servizo de abastecemento de combustible coma o da luz ou a telefonía “deberían sacarse a concurso público en tempo e forma”; pero “é moi mala a xestión do BNG”, considera o popular. Neste sentido, indica que “noutros Concellos estes procesos os xestiona a Fegamp, pero este goberno non sae das siglas do BNG e, polo tanto, é imposible relacionarse con outras administracións”. 

O Grupo Municipal Popular preguntou durante a sesión plenaria polas xestións realizadas polo goberno local en Fitur. “A resposta foi: moito traballo. E cando lle preguntamos se poderían concretar dixeron: non. Farían moitas fotos, pero traballo de promoción turística do noso pobo vimos pouco”, indica o popular.

En relación ao fomento da actividade industrial no municipio, os populares preguntaron tamén en pleno polas xestións do goberno do BNG con SEPES para rebaixar o prezo do solo das parcelas do polígono. “A resposta foi botarlle a culpa aos demais gobernos; pero o Goberno local ten unha culpa moi grande: a subida de impostos que impuxo ás poucas empresas que hai no polígono; a pesar de que lle temos advertido de que se debería aplicar unha rebaixa fiscal, unha rebaixa dos impostos, pero non nos escoitan”.

Elena Sierra e Begoña Sanjurjo preguntaron sobre as xestións de cara á eliminación dos vertedoiros incontrolados que hai no municipio “e o concelleiro de Medio Ambiente dixo que estaban actuando. Pero debe ser noutros sitios porque os vertedoiros continúan aumentando ao largo e ancho do concello”, explica Vega.

Sierra tamén preguntou que pasa coa maquinaria municipal porque “a que non aparcada nun taller, está tirada no almacén do Concello e iso non nos parece moi razoable”.  

Sanjurjo preguntou tamén que pensa facer o goberno local en relación ao Entroido. “A resposta foi que non había comisión e que eles non o podían organizar”, lamentan dende o Grupo Municipal Popular.

O voceiro popular condena que “este goberno nunca actúe” e que “sempre se escuse dicindo que  a culpa é dos demais, nunca do goberno do BNG. É totalmente irresponsable que este goberno estea totalmente ausente, non teña planificación seria e non se vexa ningún tipo de traballo”, conclúe.

PLENO

Entre os asuntos que se someteron a aprobación figuran os convenios interadministrativos coa Deputación Provincial sobre o Centro de Atención ás Persoas Maiores de Ribadeo para prorrogalo outros 4 anos máis pois remataría en xuño deste ano.

Outro dos temas foi a modificación da ordenanza que regula os valores dos terreos de natureza urbana, o que comunmente se chama a plusvalía, porque hai uns meses o Tribunal Constitucional estableceu que os métodos de cálculo que usan os Concellos non estaban axustados a dereito, de aí que o goberno do Estado a finais de 2021 estableceu un novo real decreto lei que si se adapta á xurisprudencia deste tribunal e no que daba un prazo de seis meses para que os Concellos puiden adaptar as súas ordenanzas a estes novos criterios. 

Por último tratouse o tema do recoñecemento extraxudicial de crédito para facer fronte ao pago de facturas do ano pasado que os provedores presentaron xa iniciado este 2022 e a modificación da ordenanza fiscal reguladora da plusvalía.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17795896530151