O PP ribadense condena a “vergoñenta” situación das rúas por falta de limpeza

AMariñaXa
O PP ribadense condena a “vergoñenta” situación do casco histórico debido á “habitual falta de limpeza” por parte do goberno local
ribadeo centro ruas
17 Dec 2021

A vicevoceira do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Elena Sierra, faise eco das queixas de veciños e propietarios dos locais comerciais e hostaleiros do casco histórico pola “habitual falta de limpieza”. A falta dun axeitado baldeo de rúas e colectores provoca, xunto ao mal olor que desprende a rede de sumidoiros e ao estado esvaradío do pavimento, unha situación “vergoñenta” que se incrementa, sobre todo, despois das fins de semana coa presenza de máis lixo. 

Sierra explica que “ dende fai xa moito tempo, desde o Grupo Municipal Popular vimos pedindo ao equipo de goberno un plan de limpeza viaria que contemple unha programación por días para a limpeza e desinfección de contedores, un baldeo en profundidade das nosas rúas nun horario que non interrompa o día a día de Ribadeo”.

Mentres que a Xunta de Galicia aporta inversións ao casco histórico de Ribadeo dirixidas á rehabilitación de casas e ao coidado do noso patrimonio; o goberno local do BNG abandona o casco histórico. Así o demostra, segundo Elena Sierra, “coa súa pasividade á hora de coidar e limpar as rúas”. A este respecto, lémbralle que “o traballo non é facerse unha foto, é facer algo máis como a xestión da limpeza e velar por un Ribadeo limpo”. 

A popular agarda que, nesta ocasión, o goberno local do BNG non volva culpar aos veciños, “como nos ten dito nos plenos”. Sierra considera que “antes de culpar a ninguén, o goberno local debe programar un sistema de limpeza eficaz: se hai moito tempo facíase tan ben, pode volver facerse. Só é cuestión de poñer vontade e ganas de traballar”, indica.

En relación ao casco histórico, de forma concreta, o Grupo Municipal Popular aposta por buscar unha solución consensuada cos veciños e coa corporación municipal e propón un cambio de modelo para a recollida do lixo, buscando unha alternativa aos colectores tradicionais.

0.14309692382812