O PP ribadense afea ao Concello por non cumprir a ordenanza municipal de medio ambiente
A vicevoceira do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Elena Sierra, acusa ao goberno local de “hipocresía política por esixir aos veciños que cumpran a ordenanza municipal de medio ambiente cando el mesmo non a cumpre e pídelle “coherencia”.
A popular non entende “como se pode esixir aos cidadáns que limpen as súas leiras, que arranxen a situación das casas abandonadas...; mentres o goberno do BNG ten todo sen xeito nin modo”.
Sierra explica que “parécenos ben que todos coidemos o noso pobo” e por iso cre que o goberno do BNG debe “dar exemplo”. A popular pídelle, polo tanto, que “primeiro cumpra e logo esixa”.
A vicevoceira do Grupo Municipal Popular sinala que as instalacións municipais de Vilaselán “atópanse nun estado de abandono”. Así, enumera “papeleiras, canastras, porterías, sinais... todo tirado polo chan. Os entullos que se retiran de obras municipais quedan alí tirados de mala maneira”, condena.
Sierra lamenta tamén a mala imaxe que supón que o entorno destas instalacións se atope “sen rozar e sen un deseño de aparcamento para os vehículos municipais”.
O Grupo Municipal Popular considera que “o goberno municipal é un mal exemplo dado que non cumpre coa ordenanza municipal de medio ambiente: abandona a limpeza do noso pobo e tamén as instalacións municipais”.