O PP rexeita establecer un plan de axudas para paliar o incremento de prezos no sector marítimo pesqueiro

AMariñaXa
O PP rexeita establecer un plan de axudas para paliar o incremento de prezos no sector marítimo pesqueiro e na cadea mar-industria
3 May 2022

O PP rexeitou instar á Xunta a establecer un plan de axudas para paliar o incremento de prezos do gasóleo e das materias primas no sector marítimo pesqueiro e na cadea mar-industria. Fíxoo, na Comisión de Pesca do Parlamento, onde votou en contra dunha proposición non de lei impulsada polo Grupo Socialista que contemplaba unha batería de medidas específicas para o sector.

Neste marco, a dirixente socialista criticou a falla de coherencia do Partido Popular que “primeiro di que non é necesario, despois votan afirmativamente a unha proposta neste sentido no Pleno e unha semana despois votan en contra dunha iniciativa do PSdeG”, o que amosa que “seguen na tónica de dar tombos que marca Feijóo” e “das directrices de VOX”.

A proposta socialista pedía aplicar axudas de mínimos ao sector marítimo pesqueiro e á cadea mar-industria, solicitaba a exención das taxas portuarias autonómicas ata que a situación do sector se recupere, o aumento das partidas asignadas a axudas para aforro e eficiencia enerxética, así como axudas para o estudo e desenvolvemento de combustibles alternativos.

 

Ante a oposición do PP ao impulso destas medidas, Otero censurou a confrontación constante por parte do Grupo Popular que se veu plasmada tamén o pasado xoves no Congreso á hora de convalidar o real decreto lei do para poder executar as medidas para paliar as consecuencias da crise sobre os sectores económicos máis desfavorecidos.

O PP, EN CONTRA DUN PAQUETE DE AXUDAS PARA O SECTOR POR 68 MILLÓNS

Alí, lamentou, “ese novo PP liderado por Feijóo, que fai seguidismo puro do señor Casado, votaba en contra do sector pesqueiro” e, concretamente, dun paquete de axudas máis de 68 millóns de euros, 18 dos cales son axudas directas. 

“Non queren dar axudas propias e, aínda por riba, votan en contra das medidas tomadas polo goberno central”, censurou a socialista, quen lembrou que este voto en contra tamén supón opoñerse á suba do IMV, da rebaixa impositiva do prezo da luz, dos prestamos ICO ou de axudas a tantos sectores, entre outras cuestións. “Feijóo quitou a careta cando chegou a Madrid e demostrou o que tantos galegos e galegas levamos sufrindo tantos anos”, sentenciou.

A XUNTA ELUDE AS SÚAS COMPETENCIAS EN PESCA

Ao fío disto, Otero criticou as palabras do voceiro de Pesca do PP durante a celebración da comisión na Cámara galega ao eludir as “competencias” e “capacidade” que ten a Xunta con respecto a este sector.

“Se as medidas que puxo enriba da mesa o goberno central lles parecen insuficientes, cales vai tomar o goberno galego?”, apelou a socialista, quen censurou que “semanas despois” do anuncio da exención das taxas portuarias nos portos de titularidade autonómica por parte do goberno galego “o anuncio segue sendo un anuncio”, xa que a día de hoxe “seguimos sen exencións”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1725378036499