O PP recupera a Alcaldía de Viveiro tras 22 anos cunha moción de censura

O pleno celebrado no Concello de Viveiro marcou un cambio histórico no goberno local tras aprobarse a moción de censura presentada polo Partido Popular co apoio dos concelleiros independentes de Por Viveiro. Este movemento desaloxa da Alcaldía á socialista María Loureiro, poñendo fin ao seu mandato.
Durante o pleno de investidura, falouse da moción de censura e tiveron ocasión do uso da palabra a alcaldesa, Mariña Gueimunde, así como a ex alcaldesa María Loureiro y a ex tenente de alcaldesa Miriam Bermúdez.
A popular, Mariña Gueimunde, agradeceu a veciños e autoridades presentes por estar, xa que "significa que apoia a un concello que é referente da comarcal". Para argumentar a moción, a popular remontouse ás últimas eleccións, nas que "fomos os máis votados pero non puidemos gobernar debido á coalición BNG, PSOE e por Viveiro", explica. Porén, sostén que "desde a oposición intentamos valorar o labor do Goberno local, pero vimos cousas que non se corresponden coa realidade, polo que intentamos facer reaccionar ao Goberno con mocións e rogos, pero non foi posible".
Ademais, engadiu que "vimos un descontrol absoluto no Concello de Viveiro, o que nos levou a promover unha moción agora que tiñamos apoios, xa que en verán de 2024 tamén o intentamos, pero non foi posible". Con todo, Mariña Gueimunde comprometeuse agora a "traballar" e agradeceu a Por Viveiro por ser "o único que cumpre a súa palabra".
Pola súa parte, María Loureiro, ex alcaldesa de Viveiro, quixo agradecer aos veciños e veciñas "pola súa confianza durante 11 anos de Alcaldía, así como aos meus concelleiros por compaxinar os seus traballos persoais con este traballo". Así, sostivo que, non está de acordo coa visión da nova alcaldesa e argumentou que "traballamos con humildade e transparencia, igual que o faremos desde a oposición a partir de agora. E, se os veciños nolo permiten, dentro de dous anos, volveremos os socialistas", aventurou.
Tamén a ex tenente de alcalde, Míriam Bermúdez, do BNG, sostivo que "isto é un plan orquestrado por parte da Xunta, que non nos axudou durante os 20 meses que estivemos no Goberno e agora vai resolver as necesidades que tiñamos ao vir a gobernar o PP".
Con respecto a Por Viveiro, Bernardo Fraga sostivo que "nós somos independientes e libres e noso lema era 'O cambio necesario', ademais de ser honrados". Así, subliñan que "o PSOE non cumpriu e non aceptamos os seus reproches, incluso pedimos unha desculpa polas acusacións que se verteron sobre nós, xa que é unha forma de facer política rastreira e miserable", denunciou, engadindo que "se non rectifican publicamente, tomaremos medidas legais".
Con esta votación, o PP recupera o bastón de mando en Viveiro despois de 22 anos, nunha etapa que se abre con expectativas pero tamén con incertezas. A nova alcaldesa, Mariña Gueimunde, recoñeceu as emocións contrastadas que lle produce asumir o cargo: "Tamén con moita ilusión, pero certo é que, tamén moita preocupación, porque eu son consciente do que se aveciña ou do que nos imos atopar cando cheguemos", sinalou.
A clave da moción foi o apoio de Por Viveiro, que descarta entrar no goberno local pero xustifica a súa decisión como un paso necesario. "Eu teño que agradecer o esforzo que fixeron, pois para eles non foi doado dar o paso. Apoiar ao Partido Popular foi un esforzo", recoñeceu Gueimunde.
A nova corporación municipal afronta agora unha nova etapa política na que o PP deberá gobernar en minoría, tras un cambio que pon fin a máis de dúas décadas de liderado socialista en Viveiro.