O PP recolle firmas en Viveiro, Ourol e Muras ante o estado das estradas provincias

TerraChaXa | AMariñaXa
Os deputados provinciais reclaman á Deputación que cumpla co seu "ambicioso plan de mellora da rede viaria"
pp-recollida-sinaturas-(10)
6 Dec 2024

O PP provincial traslada: “Segundo pasan os días tralo anuncio de José Tomé dun ambicioso plan de mellora da rede viaria provincial aparecen máis evidencias que deixan claro que o plan anunciado polo presidente ten moitas carencias e pode ser calquera cousa menos ambicioso”.

Os deputados populares, Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro, Clemente Iglesias e José María Fernández, comprobaron o que denominan como “nefasto” estado de conservación da rede viaria provincial en Viveiro, Muras e Ourol xunto a veciños aos voceiros populares nestes municipios, Mariña Gueimunde, Eugenia Requeijo e José Hermida, respectivamente.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que pese a que “PSOE e BNG falan dun plan ambicioso, nestes concellos vemos a proba máis evidente da falta de ambición e da ausencia de solución aos problemas que teñen os veciños da provincia”.

Unha situación, comunican os populares, ante a que os veciños desta comarca comezaron unha recollida de sinaturas para reclamar á Deputación o arranxo urxente das estradas provinciais que percorren os seus concellos xa que hai “unha necesidade moi importante de mellora de toda a rede de estradas”.

Un dos exemplos do mal estado da rede viaria nestes concellos e da falta de atención por parte do goberno provincial de PSOE e BNG é a estrada provincial LU-P-6502, que segundo o anunciado por Tomé se vai a arranxar, pero “unicamente se vai a actuar no 8 % da estrada a pesar de que está desfeita na súa totalidade”. Mostra da falta de ambición do plan de Tomé, aseguran, é que entre estes tres municipios unicamente se actuará en dúas estradas provinciais, destacando que no caso de Viveiro non se realizará tarefa algunha de mellora.

De feito, entre Viveiro, Muras e Ourol suman case 197 quilómetros de estradas provinciais (196.972 en total) e a realidade é que “o ambicioso plan de Tomé”, ironizou Ameijide contempla actuar en 9.55 quilómetros entre os tres municipios.

Unha evidencia máis do “mal plan” anunciado por Tomé é que, como xa explicaron dende o Grupo Provincial Popular, unicamente prevé actuar no 6 %  da rede provincial (en 280 dos 4.217 quilómetros da rede) e que “non investirá 27 millóns de euros como anunciou o presidente provincia, senón que quedará en 13 millóns de euros, os mesmos que hai consignados nos orzamentos para o vindeiro ano e que, como xa denunciamos dende o Partido Popular, son insuficientes para realizar o mantemento da rede viaria”.

Neste senso, Antonio Ameijide recorda que “como fixemos ata agora durante todos estes anos seguiremos apoiando as reclamacións dos veciños en canto á necesidade de renovar a rede de estradas provincial que están nunha situación lamentable, intransitable e perigosa e non pararemos ata que volva a unha situación de normalidade para facilitar a mobilidade de todos os lucenses”, sentenciou.

0.16471099853516